Esta semana Armando Requeixo convídanos a nos achegar á novela ‘O triángulo inscrito na circunferencia’ de Víctor F. Freixanes, un clásico da narrativa galega do noso tempo que agora volve publicarse nunha nova edición revisada polo autor.
‘O triángulo inscrito na circunferencia’ (Galaxia) veu luz por vez primeira en1982, ano no que obtivo o Premio Blanco-Amor. O seu éxito foi fulgurante e pouco despois fíxose tamén co Premio da Crítica, converténdose inmediatamente nunha novela de culto e o seu autor nunha das voces imprescindibles da literatura galega actual.
Narración complexa e de denso simbolismo, a súa trama amósanos a loita revolucionaria dos mariñeiros galegos do sur contra o poder establecido en Compostela a través da Capitanía Xeral de Galicia e o arcebispado nos anos vinte do século XIX. Sempre entre o real e o imaxinario, o mítico e o lendario, a súa particular mestura entre realidade e ficción ten como epicentro a casa de Santa Cruz, pazo da saga dos Mariño nunha imaxinaria Vilanova de Alba, enfrontada a Compostela e a todo o que esta representa: Vilanova de Alba é ocorazón do Mar, a liberdade, a apertura, a posibilidade de escribir a nosa propia Historia; pola contra, Compostela encarna o poder opresor, a manipulación das nosas vidas, a Historia imposta.