Publícase ‘Dezanove badaladas’, a primeira obra de Ballesteros

Esta semana Armando Requeixo fálanos dunha exhumación narrativa e unha novela mareira: ‘Dezanove badaladas’, de Anxo A. Rei Ballesteros, e mais ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’, de Xurxo Souto.

‘Dezanove badaladas’ (Galaxia) recupera a primeira novela escrita polo autor, cando só tiña dezasete anos, que ve luz agora postumamente. É a historia de tres esmorgantes na Compostela de finais dos 60 do século pasado que, nunha noite de troula, percorren a cidade indo de tugurio en tugurio e cruzando cos individuos máis estrafalarios. Toda esta aventura condúceos aos abismos do alcohol e a violencia extrema, espello da súa vida baleira, sórdida e desesperanzada.

‘A gran travesía de Chiruca Macallás’ (Xerais) é unha epopea mareira de protagonismo feminino, onde a patroa do arrastreiro Macallás, Chiruca, percorre os mares do Norte superando mil obstáculos nunha singradura entre o fantástico e o real, o lendario e o vivenciado, que recrea os seus encontros e procuras na rocha perdida de Rockall, co peixe-sapo Lipeilipeisa ou a serea negra Mamí Watá. Todo coa forza do bravú e o heavy a resoar nos corazóns e a afirmación, en feminino, da grande aventura que sempre é o mar.

Pin It on Pinterest

39 Shares
Share39
Tweet
Share