Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de Once contos peregrinos de Vanessa Fernández Segura.
Once contos peregrinos (Toxosoutos) supón a estrea narrativa de Vanessa Fernández Segura, quen ofrece aquí un conxunto de historias en edición bilingüe galego-inglesa e prólogo e imaxe de cuberta de Javier Blanco Vázquez.
Os relatos de Fernández Segura afondan no mistérico e sorprendente do ultramundo galego, facendo convivir a parroquia dos vivos coa dos mortos e volvendo a ollada a esa Galicia inmaterial na que deambulan, con absoluta naturalidade, a Santa Compaña, os cambións, as meigas ou os lobishomes, entre moitos outros seres máxicos.