Esta semana, Armando Requeixo comenta para nós O peso do cerebro, a máis recente novela de Xesús Constela.
O peso do cerebro (Xerais) é o relato da fuga desorientada dun vello con demencia senil que escapa da súa casa e se bota ás rúas da cidade guiado polos seus recordos e vestido estrafalariamente. Polo camiño, a súa mente faino acompañarse dunha sorte de procesión fantasmal de personaxes que só poboan a súa cabeza desvariada e que o ensimesman, aínda máis, no seu estraño deambular.
Mais O peso do cerebro é tamén unha narración sobre a memoria e o seu esfarelamento, sobre a identidade a ela unida e sobre a forza dos recordos. Todo ao tempo que propón unha relectura crítica da situación e da historia recente da ben recoñecible “cidade barco” na que acontecen os feitos.