Alma de marioneta, corazón de poeta. Esta é unha das frases que escoitaremos no espectáculo Arlequina, co que Kukas celebra unha data especial acompañado por outros titiriteiros galegos coma Borja Ínsua ou Larraitz e con músicos en directo.
Unha personaxe feminina protagonista, chea de letras pero que non sabe escribir, unha personaxe de papel, vulnerable pero poderosa, sedutora e inocente. Kukas mestura maxia, música, teatro de obxectos, circo, teatro negro e outras técnicas, xunto con referencias biográficas no texto e na escenografía (unha porta co número 79, ano de fundación da compañía) para facer gozar á cativada e á familia adulta nunha peza sorpresiva, artesanal e de humor diverso.