Esta semana o título ao que nos convida Armando Requeixo é Non debeu faltar, de Xosé Lorenzo Tomé.
Non debeu faltar (Toxosoutos) é a historia dun amor que se abre camiño fronte a todo e fronte a todos, vencendo as tebras dunha España chea de prexuízos e aferrollada politicamente. A mediados do pasado século, unha moza noviña e un crego namoran e deciden seguir adiante coa súa relación, malia teren todo na súa contra. A solución atópana na fuxida ao estranxeiro, mais cruzar as fronteiras non vai ser un traballo doado.
Novela breve, escrita en curtos capítulos e un longo flash back, Non debeu faltar regálanos un historia chea de personaxes intensos, que se moven entre as forzas contrarias do amor e do medo e que conseguirán vencer non poucos obstáculos para forxar un futuro xuntos.