Esta semana Armando Requeixo convídanos a que leamos Medos, a máis recente novela de Héctor Carré.
Medos (Xerais) é un conxunto de doce relatos nos que o escritor coruñés nos achega a múltiples historias que teñen como elemento común a vivencia do medo polos seus protagonistas, o que xustifica e dá sentido ao título do libro.
Connatural ao ser humano, a percepción do medo produce unha alerta angustiosa que nestes relatos se revela nas máis diversas situacións, pois os diferentes protagonistas experimentan algún tipo de medo que non sempre se resolve coa súa superación, o que provoca situacións límite que, por veces, os leva a finais insospeitados.