Continuamos co repaso que estamos facendo dos principais festivais de música clásica que se están desenvolvendo neste agosto atípico, e hoxe ímonos a Ponteareas, pois estase a desenvolver alí o Festival Groba, na súa xa VIII edición. Comezou o día 15 e remata este venres 21, con concertos de música de cámara nos que se interpretará repertorio que vai desde algúns dos máis emblemáticos compositores da historia da música de diferentes épocas coma Bach, Telemann, Mozart, Schubert, ou Holst… ata o homenaxeado Rogelio Groba, compositor galego que aos seus 90 anos segue compoñendo. Os concertos correrán a cargo da Orquestra de Cámara Galega, que cumpre 25 anos, ademais de solistas da talla de Esteban Batallán, Kyoungmin Park, Anastasia Kobekina, Elisa D´Auria, etc.