Lemos ‘Por puntos’ e ‘Eternos propietarios’

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas propostas narrativas que converxen no seu protagonismo coral e no fortuíto das vidas que se cruzan: as novelas Por puntos, de Manuel Portas, e mais Eternos propietarios, de Jorge Emilio Bóveda.

Por puntos (Galaxia) recrea as existencias de varios personaxes que coinciden, por azar, asistindo todos a un curso para a recuperación do carné de conducir, o que dá razón do título da novela. Descoñecidos entre si, iremos descubrindo que estes seres teñen máis en común do que parece e que os seus temores e ilusións, as súas soidades e procuras de agarimo son ben máis concordantes do que a primeira vista puidese pensarse. Un retrato de vidas cruzadas nas que o amor e o humor teñen moito que dicir e o inesperado agarda sempre á volta de cada páxina.

Eternos propietarios (Do Peirao) é tamén unha novela de protagonismo colectivo, neste caso centrada no vivir cotián dos membros dun bloque de pisos que son convocados a unha reunión de veciños. Cada capítulo desta obra vai presentándonos os inquilinos dun dos inmobles, amosando as súas relacións problemáticas coa veciñanza e revelando as súas ansias e temores, odios e paixóns, esperanzas e frustracións, que fan da comunidade unha auténtica polvoreira de emocións que acabará por estoupar na xuntanza do remate da obra, que conclúe dun xeito ben sorprendente.

Pin It on Pinterest

13 Shares
Share13
Tweet
Share