Lemos libros de Leo Lionni, en Kalandraka

Hoxe volvemos a un clásico do álbum ilustrado, Leo Lionni. Os seus libros son moi atractivos para o lectorado máis novo e caracterízanse por unha traballada sinxeleza, a orixinalidade das súas historias e o protagonismo do mundo animal. Varios dos libros de Leo Lionni están publicados en galego por Kalandraka.

Pequeno azul e pequeno amarelo foi o seu primeiro álbum e fala da diversidade a través dunhas ilustracións moi sinxelas, círculos azuis e amarelos. O libro naceu entretendo os seus fillos durante unha viaxe en tren.

Frederick, traducido ao galego por Xosé Manuel González Barreiro, é unha historia dunha familia de ratos que traballa arreo para prepararse para a chegada do inverno: Todos os membros da familia participan, agás un: Frederick. A lectora descubrirá que, en realidade, o ratiño tamén o fai, pero que a súa é unha función diferente: recoller palabras para o inverno.

Outro álbum de Lionni menos coñecido é Cornelio, que tamén acaba de reeditar Kalandraka. Conta a historia dun crocodilo que, ao contrario que os seus conxéneres, teima en andar de pé, o que lle permite ver o mundo dende unha perspectiva diferente e pode ser lido como unha sorte de fábula sinxela que nos fala de non facer caso aos demais e querer seguir o noso camiño.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share