Lemos ensaios de Teresa Moure e Diana Varela

Esta semana Armando Requeixo invítanos á lectura de dous interesantes ensaios: Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, e mais Linguística Eco, de Teresa Moure.

Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento) é un conxunto de preto de dúas ducias de prosas nas que a poeta e narradora Diana Varela Puñal incide en cuestións varias que xiran arredor dos conceptos de identidade, poesía e ética. As nocións de galeguidade e nacionalismo, o pensamento ético en relación coa educación na non violencia ou o culto ao feísmo, amais do papel da escritora na nosa sociedade son outros tantos asuntos tratados nestes escritos, sempre lúcidos e reveladores.

Linguística Eco (Através) é unha ben fundamentada e moi didáctica proposta da profesora e escritora Teresa Moure, quen nos convida a repensar preconceptos cos que nos afixemos a vivir e que escurecen a nosa nítida percepción da imprescindible vivencia ecolingüística que precisa o planeta: as falacias que nos arrastran a distinguir entre linguas ‘fáciles’ e ‘difíciles’, ‘grandes’ e ‘pequenas’, ‘complexas’ e ‘simples’; a ignorancia da abraiante multiplicidade idiomática dos territorios e o espellismo dos monolingüismos estatais; o mito da ‘lingua nai primixenia’ e da ‘lingua universal futura’; ou o espiñento tema da desaparición dos idiomas que, case sempre, enmascara auténticos lingüicidios son outros tantos temas que aborda este fondo e documentado ensaio, que incorpora un prólogo do prestixioso profesor Juan Carlos Moreno Cabrera.

Pin It on Pinterest

282 Shares
Share282
Tweet
Share