Dúas reapropiacións: Parangolé de Pablo Fidalgo Lareo (Chan da Pólvora, 2019), Sardiña de Míriam Reyes (Chan da Pólvora, 2018)
Parangolé (Chan da Pólvora, 2019), é o primeiro poemario en galego do poeta e dramaturgo Pablo Fidalgo Lareo, nacido en Vigo en 1984. Partindo dun nome que tanto remite á leria e ás conversas barullentas como aos parangolés do artista carioca Hélio Oiticica —capas de materiais reciclados que revelan as súas cores na fluidez da danza—, o poemario flutúa entre a celebración do caos e dos espazos, construtores de identidade e outredade. A autoanálise e a disposición poética, inquisitiva e asertiva a un tempo, capaz de revisar as correntes afectivas, permítennos recoñecer ao autor que xa traballara os exilios familiares noutras pezas, mentres o poemario asenta noutras viaxes e noutros apoios simbólicos como o parangolé ou as aves.
Sardiña (Chan da Pólvora, 2018), da autoría de Míriam Reyes e inserido na colección “Areal de Melide”, destinada a proxectos interartísticos, é o primeiro poemario en galego da autora, que nace en Ourense en 1974 e emigra a Caracas aos oito anos. A importancia do traballo fotográfico e performativo desenvolto en exclusiva para o libro —verdadeira seña do seu quefacer como creadora—, conflúe aquí coa indagación metalingüística. O achegamento á lingua dos afectos, á lingua do avó ao que dedica o volume, é tan libre como dificultoso, un camiño de respecto e frustracións, de fragmentos riscados e inclusión de materiais da memoria. As palabras teñen corpo, lugar no corpo, contan unha historia allea e propia.