A novela conta a historia de Rose, unha nena dunha familia xudía, que primeiro vive cos avós nunha viliña de Alemaña e logo se traslada cos pais e que ao longo das súas vivencias, baseadas na sinxeleza e na cotidianidade, nos vai amosando como os xudeos acabaron sendo un grupo marxinado na Alemaña do momento.
O mundo en que vivín supón unha magnífica oportunidade para coñecer mellor os costumes e as tradicións xudías. Ademais, aínda que hai innumerables testemuñas literarias da II Guerra Mundial, faltan moitas máis obras que recreen o tempo previo e permitan entender á mocidade (a pesar de ser esta unha obra de fronteira) como as ansias por marxinar os xudeus acabaron por ter pegada social.
Esta obra tense comparado co Diario de Ana Frank, aínda que Losa insiste en que ela non é Rose, a protagonista do libro. Así e todo, é evidente que os sucesos narrados teñen moito que ver coa axitación social que viviu Alemaña a finais dos 20 e dos 30. Ilsa Losa, era alemá de orixe xudía e viuse obrigada a deixar a súa terra na década dos 30, marchando primeiro a Gran Bretaña e logo a Portugal. A partir da publicación desta novela, en 1943, a autora dedicarase por completo ao mundo da LIX.