‘Fábulas da montaña’, títeres con perspectiva de xénero

Roberto Pascual cóntanos todo sobre esta nova obra:

En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai.

Alí, na convivencia cos animais da casa e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro Fábulas en verso orixinais.

Historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a Igualdade.

En escena a actriz Larraitz Urruzola interpreta a Concepción Arenal, que cos títeres na súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e as súas fábulas. Merran Laginestra, no papel de amiga da escritora, interpreta en directo temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.

Segundo as ilustracións da época, a saia-teatriño, na que unha muller era sempre a titiriteira, foi un recurso escénico utilizado nas veladas das clases ilustradas do século XIX. Con esta proposta queremos recuperar e incorporar ao corpus dramático galego este valioso patrimonio teatral esquecido.

 

Pin It on Pinterest

61 Shares
Share61
Tweet
Share