No mes de xullo celebráronse dous encontros, en Santiago de Compostela e en Vigo, para fomentar os lazos entre a dramaturxia galega e a portuguesa, organizados polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões e a ESAD de Galicia. Agora, o Consello da Cultura presenta na súa web a edición dixital dos dous textos protagonistas das xornadas, Os cans non comprenden a Kandinski de Avelina Pérez e Escudos Humanos. Uma peça de acção com muitas palavras, de Patrícia Portela.
Os textos foron lidos polo grupo de teatro do Camões de Vigo, Eu experimento, dirixido pola dramaturga e directora Vanesa Sotelo e por alumnado da ESAD dirixido pola profesora Nuria Montero. Ambas lecturas e o coloquio moderado polo profesor Afonso Becerra, poden verse tamén na mediateca da web do Consello da Cultura Galega. Son a pegada dun camiño rico, dunha encrucillada de intereses e comunidades culturais, como indicou na presentación a coordinadora da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra.