Esta semana Armando Requeixo invítanos a coñecer Azami, a novela da escritora canadense de orixe xaponesa Aki Shimazaki.
Azami (Rinoceronte) foi traducida ao galego por Sergio Gómez Blanco e preséntanos a vida de Mitsuo, o redactor dunha importante revista nipoa, que pasa os días tranquilo e aparentemente feliz coa súa muller e os seus fillos. Secasí, o encontro casual cun compañeiro dos tempos do colexio vaino mudar todo.
Shimazaki mergúllanos nun intensa e delicada historia que nos convida a reflexionar sobre o amor, a felicidade, a perda, a lembranza, os ciumes e a rutina para entender como determinados momentos das nosas vidas son cruciais e as decisións que neles tomemos poden mudar o rumbo do noso futuro para sempre.