Esta semana Armando Requeixo ocúpase de dúas novelas de premio: ‘As Ramonas’, de Ana Cabaleiro, gañadora do García Barros, e mais ‘Besta do seu sangue’, de Emma Pedreira, galardoada co Xerais.
‘As Ramonas’ proponnos unha historia na que a memoria persoal e a reflexión sobre o colectivo se entremesturan con habelencia. A protagonista do relato, unha fotógrafa que atravesa un momento crítico, procura na Arte a táboa de salvación para esa difícil situación. Polo camiño van xurdindo mil e unha cuestións que amosan o fondo humano respecto de circunstancias ben diversas, todo narrado a través dunha sucesión de diálogos e pensamentos que teñen lugar no interior de vehículos Blablacar que comparten os distintos personaxes.
‘Besta do seu sangue’ é unha revisitación do mito licántropo que recupera a figura de Blanco Romasanta dende unha óptica de xénero. Narrada cunha prosa de gran pulo poético, articúlase en pequenas prosas a través das cales vai tecéndose unha historia de enganos e desencontros, de procuras da identidade e de amores imposibles, onde o fatum ten un papel decisivo e inapelable e o lendario e histórico hibridan nun relato abondo polifónico.