As novas novelas de Manuel Esteban e Roberto Abuín

Esta semana Armando Requeixo fálanos de dúas novelas de ben diversa natureza: O meu nome é Ninguén, de Manuel Esteban, e mais Orfeo canta, de Roberto Abuín.

O meu nome é Ninguén (Xerais) é un thriller protagonizado polo inspector Carlos Manso, un antiheroe que se embarca na investigación da estraña morte de seu irmán, tamén policía, e no curso das súas pescudas acaba por descubrir un lutuoso episodio de pederastia protagonizado por un alto relixioso. Polo medio aparecen outras fías como as da corrupción política e policial, a marxinación dos discapacitados ou a impunidade coa que o Poder actúa.

Orfeo canta (Axóuxere) é un texto mestizo que hibrida sobre unha base narrativa retallos poéticos, discurso ensaístico e fórmulas parateatrais. O resultado é unha narración atípica que nos convida a reflexionar sobre as complexas relacións de literatura e vida tomando como fío condutor o descenso aos infernos de Orfeo na procura de Eurídice, unha catábase necesaria para que o individuo se atope a si mesmo e renaza nun proceso de anábase que o devolva á luz e a comprensión plena do ser e a existencia

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share