Aínda que Galicia é terra de festas, feiras e romarías, chama a atención a febleza profesional no ámbito das artes escénicas de rúa. A diferenza doutros lugares próximos, como o prestixioso festival TAC de Valladolid, a puxanza das artes de rúa no País Vasco con destacados festivais coma o de Leioa ou Lekeitio e incluso a forza da asociación Artekale, a Fira de Tàrrega en Cataluña ou o Imaginarius e o Festival dos Canais en Portugal, Galicia non ten explorado esta oportunidade de xeito rigoroso e profesional, tanto na creación coma na Dirección artística, agás contadas excepcións.
O pasado día 7 celebrouse en Redondela o XXI festival de artistas de rúa. Como pode haber un festival que leva nada máis e nada menos que 21 edicións sen apenas repercusión? Basta con xuntar varios espectáculos para soster un festival nunha soa tarde? Que retos e que posibilidades teñen as artes de rúa en Galicia? Un país chuvioso pode ser un atranco? Será precisa formación específica?
O noso colaborador Roberto Pascual tenta respostarnos a algunha destas preguntas.