A nosa colaboradora de arte, Rosario Sarmiento fálanos hoxe de arte pública nas rúas.
Dado que estamos nun verán bastante diferente, agora máis que nunca esa “arte na rúa” non ten problema para ser visualizada polo público en calquera momento.
Comezamos cunha das referencias da arte pública máis interesantes que hai en Galicia: O Mural da Canteira, de Leopoldo Nóvoa na Coruña. Realizado no Parque de Santa Margarida, en 1989 foi plantexada por Nóvoa como unha prolongación temática e conceptual do Mural do estadio do Cerro realizado tamén por el entre 1960-64 en Montevideo. En ambos proxectos Nóvoa traballará nunha linguaxe plenamente informal e nunha integración das artes plásticas e a arquitectura.
Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra 1919 – París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta tanto dentro como fóra de Galicia na segunda metade do século XX. Foi un artista moi riguroso e un home reflexivo e profundo, que viviu unha longa e prolífica existencia en países e circunstancias moi dispares. Iso fixo del un personaxe cosmopolita e de vasta cultura. En decembro do pasado ano, cumpriuse o 100 aniversario do seu nacemento.