Esta semana Armando Requeixo fálanos da última novela de Santiago Lopo, A carteira.
A carteira (Xerais) achéganos á vida dunha rapaza nova que é chamada das listas de substitución de Correos e acaba destinada nunha cidade que non é a súa e que descoñece, polo que terá que aprender o oficio ao tempo que vai afacéndose aos peculiares habitantes da súa zona de reparto.
A empregada postal vainos desvelando no día a día as complexas vidas daqueles cos que se cruza e aos que leva envíos. Deste xeito, o desempeño do seu traballo amósanos todo un calidoscopio de seres que, por xunto, conforman un singular enxame de existencias dalgún xeito interconectadas e, asemade, neste ir e vir da carteira imos tamén sabendo do seu proceso de maduración e exploración interior.