Faltan dous días para a entrega dos Premios Goya en Sevilla. Nesta sección de cine con Begoña Vázquez falamos da participación galega nestes galardóns.
A película con máis nominacións é ‘A sombra da lei’, de Dani de la Torre, protagonizada por Luis Tosar e Michelle Jenner. Aspira a seis estatuíñas e a maioría delas son técnicas como efectos especiais, dirección artística, fotografía ou música orixinal.
Outra longametraxe con selo galego é a animación ‘Memorias dun home en pixama’, do director galego Carlos Fernández de Vigo.
Tamén temos a curta de animación ‘Soy una tumba’, do debuxante de Cangas Khris Cembe. Está ambientada nun pobo costeiro galego na época do contrabando.
Na sección de documentais está o director vigués Guillermo de Olivero con ‘Desenterrando Sad Hill’.
Na categoría de curtametraxes de ficción está a xoia de ‘Matria’, de Álvaro Gago. Unha peza de vinte minutos nunha conserveira de Arousa na que cobra moita importancia a relación da protagonista coa súa familia.
Logo temos a Luíz Zahera, candidato como actor secundario por ‘El Reino’. Na categoría de protagonistas está o ferrolán Javier Gutiérrez que aspira ao Goya por ‘Campeones’.