Pepito Arriola e o Mestre Vide

Achegámonos hoxe ás figuras de dous compositores galegos que viviron nunha mesma época, aínda que con traxectorias vitais e compositivas distintas. Por un lado saberemos máis de Pepito Arriola, que era coñecido como o “Mozart galego”. De nome José Rodríguez Carballeira, foi un neno prodixio que deu o seu primeiro concerto de piano aos 4 anos, que estudou nada máis e nada menos que co alemán Richard Strauss, que foi pianista do emperador Guillermo II de Alemaña, e que obtivo recoñecemento mundial ofrecendo recitais por toda Europa e América. Como compositor, escribiu obras para piano, un Cuarteto de Corda, Concertos e concertinos para solista e orquestra, música para orquestra e voz, etc. Desgraciadamente a meirande parte da súa obra destruíuse durante os bombardeos dos aliados en Berlín no ano 1945. Faleceu no esquecemento en Barcelona no ano 1954.

José Fernández Vide (Ourense, 1893) ingresou aos 8 anos no coro da capela de música da Catedral de Ourense, e xa en 1908 foi nomeado organista interino. Traballou como director do Orfeón Unión Orensana e como mestre de música na Escola Normal de Maxisterio. En 1924 marchou á Habana para traballar como docente na Academia de Belas Artes do Centro Galego, e tras acadar un importante prestixio e recoñecemento, decide regresar a Ourense en 1932 reintegrándose na actividade que levaba a cabo antes como director do Orfeón, na Escola Normal de Maxisterio, e no Instituto das Lagoas. Así mesmo, foi abundante a súa labor como pianista a solo ou con grupo en cafés e locais musicais. Compuxo moita obra para piano e para piano e voz, ademais de música de salón, suites e pezas galegas, moita obra coral, e incluso dúas zarzuelas: Proba d’amor e Miñatos no vran, ámbalas dúas compostas e estreadas en Cuba.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share