O relato de vida de María Xosé Queizán e a andaina de infancia e mocidade de Xosé Neira Vilas

Dúas propostas narrativas autobiográficas: o relato de vida de María Xosé Queizán en Vivir a galope (Xerais) e a andaina de infancia e mocidade de Xosé Neira Vilas en De Gres a Cádiz (Galaxia).

Vivir a galope é un exercicio de literatura do eu a través do que a escritora e activista viguesa fai memoria da súa longa, intensa e emocionante xeira vital. Dividido en cinco capítulos acompañados de numerosas ilustracións, María Xosé Queizán dános conta neles das súas orixes familiares e infancia e do Vigo de Posguerra no que se criou (1939-1949); da súa puberdade marcada polos continuos cambios de residencia provocados polos diferentes destinos do segundo marido de súa nai, funcionario de prisións (1949-1962); o seu namoramento e voda co tamén escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, a súa maternidade e o activismo político co que xa entón se comprometeu (1962-1974); o longo e esgotador proceso de separación e, por fin, divorcio (1974-1979); e, xa por remate, o capítulo máis extenso e, felizmente, aínda en curso: o que se abre en 1979 e continúa ata hoxe, cheo de, nas súas palabras “risos, sexualidade e literatura”.

De gres a Cádiz é un libro que Xosé Neira Vilas comezou a escribir en 1996 e deixou rematado pouco antes do seu pasamento en novembro de 2015. Publicado hai uns meses é, por tanto, un volume póstumo no que rememora os anos de nenez e mocidade na aldea natal de Gres, uns anos decisivos para a súa formación tanto persoal coma literaria, pois neles reside o humus do que naceron as súas célebres Memorias dun neno labrego e tantas outras páxinas. Estas “prosas condensadas”, como el as chamou, acompáñanse de interesantes documentos gráficos e describen todo un mundo rural cheo de sucesos e personaxes que lle serviron de inspiración para a súa xenial obra.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share