Esta semana Armando Requeixo achéganos o comentario de dúas propostas narrativas ben diversas: dunha banda, os relatos ‘estremeiros’ de Manuel Rivas en Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (Xerais) e, doutra, o noir medievalizante de Abel Tomé en A noite do corvo (Galaxia).
Vivir sen permiso e outras historias de Oeste reúne tres relatos longos que converxen na recreación dunha sociedade violentada polo poder das mafias e a corrupción, onde o control é exercido de xeito despótico para escravizar os máis febles, ben sexa nas avoltas augas do imperio do narcotráfico e a súa espiral de morte ou no submundo do carcerario e os seus desapiadados códigos internos. Todo escrito coa prosa plástica, de tinturas líricas e metáforas fulgurantes, do mellor Rivas.
A noite do corvo é unha historia chea de intriga na que o tenente Gonçalves da policía de Beth terá que resolver o estraño asasinato de catro membros dunha mesma familia no faro da Illa de Gothard. Unha singular novela negra, que xoga coa oposición destes espazos para enfrontar dous xeitos ben diversos de ver a vida: o da urbe moderna e cosmopolita de Beth, coas súas luces de progreso pero tamén coa lacra das desigualdades sociais centro/arrabaldes, e o da cidade ancorada no tempo, de códigos medievais, estrutura tradicional e chea de resaibos supersticiosos que representa Gothard.