A revista Dorna chega aos 44 números co subtítulo de ‘Expresión poética galega’. Alba Cid, que forma parte do seu consello de redacción, cóntanos a historia desta revista, que desde os anos 80 recolle o máis novo da poesía galega, con constantes conversas entre as novas xeracións e as xa consolidadas.
‘Dorna’ nace en maio do ano 1981 grazas á iniciativa da Asociación Cultural Dorna, da Illa de Arousa, e a partir do segundo número da publicación, pasa a mans da Cátedra de Filoloxía Galega da USC. Hoxe publícase en coedición entre o Servizo de Publicacións das USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.