‘Tantos anos de silencio’ de Francisco Castro, e ‘Flashes’ de Ursula Heinze

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous libros acabados de saír do prelo: Tantos anos de silencio, a nova novela de Francisco Castro, e mais Flashes, o recente volume de prosas de Ursula Heinze.

Tantos anos de silencio (Galaxia) revisita o tema da Guerra Civil e dos infames asasinatos que entón se produciron. Ánxela, unha historiadora que presta os seus servizos á Asociación da Memoria Histórica de Vila Flavia, recibe o encargo desta para investigar unha zona de posibles enterramentos de axustizados no 36. Tras as súas pescudas exhúmanse seis cadáveres: os de cinco homes e mais unha muller. Os restos desta última aparecen abrazados a un libro que resulta ser o manuscrito dun poeta descoñecido. A investigación da identidade da muller e das circunstancias que explican o seu soterramento acompañada do poemario inédito, así como o desvelamento da identidade do enigmático poeta inician unha xeira de descubrimentos que iluminan o horror vivido en Vila Flavia nos comezos da contenda bélica e nos devolven o retrato dun tempo témero, simbolicamente gobernado pola maldición bíblica de Caín e Abel.

Flashes (Fervenza) é un conxunto de case dous centos de prosas moi breves. Nelas a autora rememora instantes vitais que tanto poden recrear incidentes coma xuntanzas, igual descricións de momentos que evocacións de situacións. Por xunto axudan a caracterizar o xenuíno mundo da autora nas distintas épocas da súa vida e achegan o coñecemento de ambientes e persoas que lle foron, e nalgún caso aínda lle son, ben próximos. Malia a súa manifesta diversidade, estes flashes teñen como común denominador a ollada burlona e o humor crítico, pois, tal como anuncia a cita de Ernst Schnabel coa que se abre o libro, “sen ironía non hai historias”.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share