Esta semana Armando Requeixo proponnos dúas novidades narrativas de signo ben diverso: a ollada ao pasado para dignificar a memoria de Seique, de Susana Sanches Arins, e a prospección sobre un futuro imaxinario de Aqueles momentos que perdemos, de Xavier Estévez.
Seique (Através) non é un libro de narrativa convencional: non é unha novela, tampouco un conxunto de relatos, talvez unha constelación de prosas que funcionan como un sistema de evocacións memorialísticas que bebe do ensaístico sui generis e da pulsión poética para documentar un mundo que se (re)constrúe por fragmentos e testemuños, nunha multiplicidade de voces que teselan unhas sobre outras para contarnos como foi a represión franquista, defrontando a visión dos vencedores á das vencidas, indo da violencia intrafamiliar á comunitaria, documentando as cicatrices do terror franquista nas mulleres que o padeceron e nos seus ecos pasados e presentes.
Aqueles momentos que perdemos (Obradoiro) é unha distopía que nos convida a imaxinar unha Galicia futura na que todas as persoas foron perdendo a memoria, esa sutil argamasa que nos une como humanos. En tan témero escenario, a adolescente protagonista inicia unha viaxe a un lugar que figura anotado nun vello caderno e que supón especial. No camiño atopa unha nena e xuntas percorren ese mundo que esfarela e van descubrindo a importancia de manter as acordanzas para vencer o silencio, a morte en vida que supón perder a identidade a mans do esquecemento absoluto.