‘Homes de ferro’, de Alfredo Conde, e a escrita de Juan Carlos Mestre en ‘200 gramos de patacas tristes’

A novela ‘Homes de ferro’, de Alfredo Conde, e mais a escrita de Juan Carlos Mestre en ‘200 gramos de patacas tristes’ son as propostas que nos trae esta semana Armando Requeixo.

Homes de ferro (Ézaro Edicións) é unha narración mariñeira, a crónica da viaxe xacobea que catro irlandeses levan a cabo dende Dublín ata Galicia nun currach, embarcación tradicional en que durante moitas xornadas de singradura e a forza de puro remo salvan a distancia entre estes dous países celticamente irmandados. Alén do propio relato da peregrinación per loca maritima e da descrición detallada do que vai sucedendo na navegación ao longo da costa insular, da beiramar francesa e do periplo cantábrico, a narración vai tecendo aos poucos un retrato das relacións que dende ben antigo unen Irlanda e Galicia, os personaxes míticos que as vencellan como Breogán, Ith, San Brandán ou Amergin, mais tamén todo o que de común temos cultural e identitariamente.

200 gramos de patacas tristes (Espiral Maior) é o primeiro libro en galego deste destacado poeta berciano, un conxunto de máis dun cento de prosas líricas breves nas que a auténtica protagonista é a memoria dun tempo (o da infancia e mocidade), unha paisaxe (a bisbarra natal do autor) e unha paisanaxe (todas as persoas que alí tratou e que deixaron pegada nel). Entrelazadas con todas estas realidades figuran tamén os textos reflexivos e críticos, de carácter social reivindicativo, e tamén outras prosas nas que a propia escrita ou a arte en xeral son o centro de atención.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share