Esta semana Armando Requeixo propónnos a lectura de dúas novelas de acción trepidante: Red Lion de María Alonso e mais A espada máxica de Mario Franco.
Red Lion (Galaxia) é unha narración de alta tensión, inzada de violencia e brutalidade, que se desenvolve nos baixos fondos das mafias traficantes e que presenta a historia dunha vinganza que rematará nunha guerra aberta entre bandas rivais e ríos de sangue a correr por todas partes. Relatada cunha linguaxe moi cinematográfica ao Kill Bill, a trama da novela progresa nun continuo in crescendo ata o clímax final, sacrificando calquera digresión estetizante en favor da imparable acción que avanza vertixinosamente sen tregua nin respiro.
A espada máxica (Fervenza) é unha novela de ‘espada e bruxería’, subxénero da fantasía épica que describe aventuras e loitas libradas por heroes nun pasado arredado e mítico co concurso de elementos ou seres máxicos. Neste caso o mozo castrexo Camal decide marchar da súa citania para coñecer outras terras e xentes. Polo camiño vivirá mil aventuras, pelexará con criaturas incribles e descubrirá o amor, todo contado en capítulos breves e rebordantes de emoción e intriga nunha viaxe circular que remata onde comezou, mais cun Camal madurecido, ben máis sabio e valente.