‘Mulleres e poder’, de Mary Beard, e mais ‘As mulheres que amavam os videojogos’, de Antía Seoane e Maite Sanmartín

Esta semana Armando Requeixo tráenos como recomendacións de lectura dous ensaios: Mulleres e poder, de Mary Beard, e mais As mulheres que amavam os videojogos, de Antía Seoane e Maite Sanmartín.

Mulleres e poder (Hércules), en tradución de María Alonso Seisdedos, é un volume concibido como un manifesto feminista no que a pensadora e especialista no mundo clásico Mary Beard reflexiona sobre o xeito no que dende os albores da Historia as mulleres foron apartadas do poder e a súa voz pública negada. Con exemplos tirados da literatura grecolatina e dos mitos da Antigüidade evidencia os fundamentos culturais da misoxinia que se estende ata os nosos días e que alcanza todos os ámbitos e vías, dende a alta política ata a esfera artística pasando polo mundo das Redes.

As mulheres que amavam os videojogos (Através) é un ensaio que pon en evidencia as desigualdades de xénero existentes na cultura dos videoxogos como novas fórmulas de expresión da narratividade e a creación actuais. Malia a importante presenza das mulleres como xogadoras e o destacado papel de non poucas delas, seguen a ser excluídas da consideración de hard-core gamers e toda a industria geek continúa a xerar imaxes excluíntes da muller, cando non sexistas ou violentas. Este libro quere axudar a reverter ese estado de cousas para avogar por unha cultura dos videoxogos que axude á deconstrución patriarcal e aposte pola igualdade de xénero.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share