Dúas mulleres na procura de si mesmas: ‘Carrusel’, de Berta Dávila, e ‘O lado do que dormes’, de María Canosa.

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas protagonizadas por mulleres na procura de si mesmas que loitan por descubrir o seu auténtico eu: Carrusel, de Berta Dávila, e O lado do que dormes, de María Canosa.

Carrusel (Galaxia) é a obra coa que Berta Dávila gañou o último Premio García Barros, a historia dunha escritora en plena crise creativa que decide facer unha recapitulación do que foi a súa vida para buscar no seu pasado e no da súa familia as claves do seu presente e atopar sentido á súa existencia e o papel que nela xoga a escrita. No camiño profundará nas raíces da súa neurose, na intensa experiencia da maternidade, na perda dos seres queridos e nas complexas relacións familiares.

O lado do que dormes (Xerais) é un relato de María Canosa que percorre a vida de Laura, unha muller de trinta e sete anos, nai de dous fillos e casada cun home moi traballador e viaxeiro, que en plena madurez sente que vive abafada por unha imposible conciliación das súa situación familiar e laboral, problema que se agrava coas actitudes machistas que sofre no traballo. Cansa, sobordada e entristecida, toma a decisión de dar un xiro á súa vida, empeño no que a axudará unha compañeira de traballo, o exemplo dunha vella colega de estudos e algunhas outras persoas e situacións que se lle cruzarán no camiño e lle farán ver a necesidade de rematar coa submisión e opresión vital na que transcorren os seus días.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share