“O meu reino non é deste mundo” é o lema ao título co que Manuel María gañou o 1º Premio Abrente aló polo ano 1973, coa ameaza do franquismo aínda viva e a defensa dun teatro en expresión galega, popular e crítico, asentado nas tradicións culturais galegas e divertido.
En 2019, a compañía en que participan Anxo García e Fran Lareu como actores e María Peinado como directora, presenta unha posta en escena grazas ao impulso encomiable da Fundación Manuel María, co seu certame de Proxectos Teatrais, e do que resultou gañador este que agora viu a luz a pasada semana no Auditorio de Ourense. Unha posta en escena á luz doutras ameazas: o auxe dos totalitarismos, a perda de valor da cultura de base e da diversidade lingüística e cultural. Elementos que, ademais, teñen un acertado motor creativo nesta escenificación.
Teatro da Ramboia presenta un espectáculo impecable na expresión visual, acertado na lectura ampla (con monicreques que teñen a cara fotografada de Mussolini, Hitler e Franco, coa raíña Facunda convertida aquí en Margaret Thatcher. Atinado espazo sonoro, de gala, entre Massiel e Raphael, mentres a tiranía e abuso do poder ocupan o teatriño dos bululús que representan os dous actores e titiriteiros Fran Lareu e Anxo García.