‘Ninguén dorme’ de Rexina Vega e ‘Deserto García’ de Jorge Emilio Bóveda

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dúas novelas inmisericordes: Ninguén dorme, de Rexina Vega, e mais Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda.

Ninguén dorme (Laiovento) é unha novela sobre os máis baixos instintos do ser humano en relación aos afectos e os corpos, sobre o sexo destrutivo, as miserias de Eros e os nosos límites encarnados nas tres parellas que se reúnen nun perdido hotel de estrada para, nas fronteiras máis sórdidas da intimidade, procurar a súa identidade. A denuncia da lacra emigratoria e das penosas condicións de tantos traballadores e mais o desafiuzamento ao que de ven condenados os máis desfavorecidos é o humus do desposuimento onde cobra sentido a violencia, as violencias que espellan na historia, nomeadamente as de xénero.

Deserto García (Galaxia) é unha narración de tremendismo rural con adobíos de western galaico e policial sui generis. Un garda civil prexubilado decide retirarse á remota aldea de Loirás, onde os seus devanceiros tiñan unha casa medio abandonada, e desconectar así da súa vida anterior. Mais no reducido e abafante círculo paisano a súa chegada non é ben recibida e pronto van xurdir as complicacións coa veciñanza, ao tempo que unha escura ameza do seu pasado se fai presente e pon en xogo a súa vida. Non tardará en descubrir que nada é o que parece, que a violencia invade corredoiras e leiras, as ruindades inzan por toda parte e o beatus ille horaciano non é senón unha idealización enganosa.

 

 

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share