Hoxe Armando Requeixo proponnos a lectura do libro de relatos Corte e confección, de Celia Díaz Núñez, e da novela Shanghai a Barcelona, de Amador Castro Moure.
Corte e confección (Galaxia) é un conxunto de trinta e dúas historias de temáticas ben diversas, nas que son elementos comúns a técnica compositiva breve, os finais sorpresivos e a alta economía expresiva. Con estas premisas sucédense os diferentes minirrelatos, onde figuran narracións nas que tanto pode predominar o amor como a vinganza, igual a crítica social que a escrita metanarrativa, o mesmo a violencia de xénero que a memoria histórica, a vesania homicida e o lendario popular ou a obsesión paranoica e a denuncia manipuladora dos mass media, entre moitos outros temas.
Shanghai a Barcelona (Xerais) é unha novela sobre o destino e o fracaso, os amores perdidos e a memoria dunha mocidade feliz definitivamente ida. Narrada entre dous tempos (o retorno do protagonista emigrante dende a Barcelona de instalación á Galicia de orixe no 2003 e a asistencia por parte deste ao enterro dun amigo novamente na cidade condal no 2016) e dous espazos (a Barcelona urbanita e o Trasmundi rural chantadino), esta historia trenza diversas voces e sucesos para crear con eles unha estrutura pendular, que alterna a evocación das amizades e amores do pasado coa violencia e desenraizamento que gobernan a vida do protagonista no presente.