Zeta

Frouma Stream: cultura a distancia

Brais Romero preséntanos a Pablo Escourido, fundador, xunto con Anxo Miranda, de Frouma Stream. No medio do convulso 2020, crearon esta empresa para dar solución ás distancias e restricións da covid nos eventos deportivos e culturais.  

Residencias Literarias da Cidade da Cultura

Falamos con Tamara Andrés e Javier Peña arredor da segunda edición da Residencia Literaria da Cidade da Cultura, un proxecto concibido para o desenvolvemento e mellora de proxectos persoais de narrativa orixinais e inéditos.

O Casino 1889 de Carballo

Cibrán Tenreiro fálanos no Zeta da complicada situación pola que está a pasar o Casino de Carballo. A problemática é un xuízo no que se vai decidir sobre a propiedade deste lugar, que é dos poucos edificios históricos que quedan na vila. Os inicios desta asociación, co nome de Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños, están en 1889, pero levan neste local como arrendatarios desde 1925.

Neste caso o conflito legal é entre eles e unha empresa inmobiliaria, Horta do Casino. Cibrán falou con Olivia Pena, unha das persoas que participan do Casino 1889, para que nos explicase un pouco o que fan e en que situación se atopan.


Espectáculos para todos os públicos con Trémola Teatro

Neste programa achegámonos con Ana Abad ao traballo de Trémola Teatro, unha compañía que enfoca a súa creación especialmente ao público familiar, aínda que tamén fan espectáculos dirixidos ao público adulto. Trémola Teatro foi fundada en Madrid no ano 2017 polas actrices galegas Paula Regueiro e Lucía L. Golán, no ano 2018 gañaron o segundo premio do certame Xuventude Crea na modalidade de Teatro e nestes anos foron consolidando o seu proxecto escénico, con obras que se poden ver tanto en Galicia como en Madrid.

Ausencias, esencias, presencias. Diálogos a través dunha reflexiónsobre o corpo

Asomámonos con Sara Donoso á mostra ‘Ausencias, esencias, presencias’, que amosa adiversidade de traballos e de visións artísticas xeradas baixo a mirada e o pensar de alumnas do último curso de Belas Artes. Comisariado polas tamén alumnas Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, o proxecto foi seleccionado na modalidade de comisariado da convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C de Santiago de Compostela.

Ángel Filgueira e os seus animais

‘Cando toco un animal’ é a primeira ficción de Ángel Filgueira. En palabras de Brais Romero: “unha película sensible, que sabe retratar con agarimo e realismo as dinámicas das relacións amorosas no triángulo emocional que forman as protagonistas”.

Sara Loureiro é de cultura

Falamos con Sara Loureiro de #sondecultura, un novo espazo de comunicación cultural que busca un perfil fresco e divertido co que facer a cultura máis accesible.

 

 

Belén Puime, unha “pringada” máis

Belén Puime, unha “pringada” máis

Pin It on Pinterest