PodCast

Podcast Diario Cultural das 10:30

A fotógrafa Sara Priego expón ‘El Barranco’ na Fundación Évame Oroza de Vigo ata o 15 de xaneiro. A mostra de fotografías en pequeno formato é unha ollada a nós mesmos a través da dor, a soidade e as ausencias. Uns sentimentos que permiten ao espectador identificarse co traballo e emocionarse. Na sección de voces expertas, Afonso Becerra analiza a relación entre a construción do xénero e a danza en ‘O raro é que baixar sexa raro’, do colectivo Vacaburra.

Podcast Diario Cultural das 17:30

Belén Gopegui, Antón Lopo, María Sánchez e Uxue Alberdi son algúns dos escritores que participan en ‘Lecturas de coidado’, un encontro ao redor da lectura en común que se desenvolve en Santiago. Tamén participan profesionais da saúde mental, da medicina comunitaria, da arteterapia, da pedagoxía ou da intervención social. Na sección de voces expertas, Tito Lesende avanza as dúas tendencias de 2024: a música pop con influencia das tradición e o paulatino regreso da música das guitarras eléctricas.

Podcast Diario Cultural das 10:30

As artistas Iria Pinheiro e Mónica de Nut teñen novo espectáculo poético musical para este 2024. Kennebec é un proxecto innovador de música experimental e electrónica. Na sección de voces expertas, Moncho Lemos comenta as dúas últimas estreas de cine: ‘Los que se quedan’ e ‘Yo capitán’.

Podcast Diario Cultural das 17:30

Os cantos de Nadal son unha tradición que muda co tempo. Facemos un percorrido pola tradición a través de panxoliñas, aguinaldos e cantos de reis. O músico Gustavo Couto, da Asociación de Gaiteiras Galegas, comparte con nós o seu coñecemento sobre o baile e música tradicional de Nadal. Lémbranos a importancia dos cantos en grupo, en comunidade, como un elemento de unión entre a sociedade. Tamén entrevistamos a Branca Villares, mestra de música e baile tradicional, unha das impulsoras da recuperación dos ‘reiceiros do Cebreiro’; e a Xosé Feijóo, do grupo Os Chichisos, que levan 22 anos saíndo a cantar os Reis coa rapazada da área de Pontevedra.

Podcast Diario Cultural das 10:30

Demo Editorial publica ‘A nosa cinza’ de Xavier Alcalá nun formato novo: unha novela gráfica que amosa unha nova visión da clásica novela literaria, que é unha das pezas máis destacadas da narrativa galega. Entrevistamos a Xavier Alcalá, autor da novela orixinal; e a Manel Cráneo, autor da novela gráfica. Na segunda parte do podcast, Luz Castro repasa os gañadores dos Game Awards 2023, os galardóns máis importantes do sector do videoxogos. Entre os gañadores destaca o videoxogo Cocoon, de Geometric Interactive, que recibe o Premio a Mellor Debut de Xogo Indie.

Podcast Diario Cultural das 17:30

O libro ‘Somos hip-hop’, publicado pola editorial Galaxia, é unha viaxe a través da historia do hip-hop. A obra presenta os fundamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox. Os autores son Pablo Castiñeira e David Brey. Na segunda parte do podcast, Mónica Maneiro fálanos da primeira mostra individual da artista Carla Souto, na Galería Vilaseco da Coruña.

Podcast Diario Cultural das 10:30

A música clásica volve a Galicia polo Nadal. Son moitos os autores e compositores de música clásica que viven no estranxeiro. Entrevistamos a oboísta Iria Folgado, que reside en Berlín e acaba de presentar o seu debut discográfico ‘Ecos de Breogán’; e ao pianista Guillermo Rodríguez, que vive en Bruxelas e vai actuar no Liceo de Ourense. Na colaboración con Dolores Vilavedra, lemos a novela ‘Entomoloxía para misioneiros’, de Fernando Castro Paredes.

Podcast Diario Cultural das 17:30

Entrevista con Dosi Veiga, responsable da web de divulgación científica ‘Ceos galegos’. Na sección de voces expertas, facemos balance con Eva Mejuto das publicacións de literatura infantil e xuvenil máis destacadas do ano 2023.

Podcast Diario Cultural das 10:30

O compositor e pianista Alberto Vilas presenta o seu último proxecto ‘Once cancións e unha danza’, un traballo de creación a partires de pezas tradicionais interpretadas a piano polo propio Vilas. Un paseo pola banda sonora da nosa infancia que se presenta como unha evolución das raíces musicais máis populares. É unha reportaxe de Ánxela Diéguez. Na sección de voces expertas, Alfonso Becerra fai balance do ano escénico 2023. Na lírica, destaca o traballo e o repertorio das asociacións de amigos da ópera da Coruña e Vigo. Entre eles, destaca a novidade da ópera infantil ‘Oca’, con letra de Gloria Rico, e con música e composición de Juan Durán. O ano 2023 comezou xa co éxito da estrea de ‘Mosca’, da compañía Ártika, con texto e dirección de Gustavo del Río.

Pin It on Pinterest