PodCast

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural falamos co compositor Jorge Godás que o vindeiro 28 de abril estará no festival Minry canta pola paz, que se celebra na cidade de Minry, situada na República de Yakutia, no corazón de Siberia. Alí presentará, xunto co siberiano Vladislav Soldatenko, The Timesound, un conxunto de pezas en que se recrea a vida na cidade de Minry, situada arredor dunha mina de diamantes a ceo aberto.

Tamén, e coma cada luns, Rosario Sarmiento falános de arte. Nesta ocasión achéganos a mostra Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986), que se pode ver na Fundación Luis Seoane da Coruña.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario cultural celebramos os premios que concede a Asociación Española de Críticos Literarios na súa sección de lingua galega en 2018, e facémolo cos premiados, os autores galegos Pilar Pallarés e Antón Lopo. A obra Tempo fósil, de Pilar Pallarés, foi a galardoada no apartado de poesía; e Extraordinario, de Antón Lopo, no de narrativa.

Ademais, hoxe tamén coñecemos o ciclo Dramaturxias itinerantes, que comeza hoxe en Compostela e que no día de mañá se desenvolverá en Vigo. Trátase dunha iniciativa do Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior  de Arte Dramática de Galicia, para favorecer encotros entre unha dramaturga galega e unha dramaturga portuguesa.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Entrevistamos a Silvia Penide, que vén presentar o seu novo traballo discográfico, El efecto boomerang. Falamos con ela da súa paixón pola música e da súa longa traxectoria. No espazo con Emilio Españadero repasamos as últimas novidades no ámbito da música tradicional.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario Cultural falamos do festival de pop e rock ‘Melona Fest’ que dende o mércores estase a celebrar en Santiago de Compostela . Trátase da cuarta edición dun festival que busca a pluralidade e por iso conta con bandas locais, galegas e nacionais como é o caso do compostelán Nico Casal que presenta hoxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela o seu primeiro traballo discográfico.Para coñecer todos os detalles falamos con Nico Casal e tamén co director de ‘Melona Fest’ Coque Dosil.

Tamén coñecemos o cartaz do Festival 17º Ribeira Sacra Paisaxe que se vai a celebrar nesa zona galega do 17 ao 21 de xullo.

E, por último, colaboración de música de Tito Lesende sobre os concertos que nos agardan os vindeiros días e Galicia.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario Cultural comezamos falando da Ribeira Sacra, que ven de ser escollida como a candidata española a Patrimonio da Humanidade da UNESCO para 2021, e facémolo xunto con  Ana Goy, Catedrática de Historia da Arte na Facultade de Humanidades da USC e coordinadora do expediente que se presentou en San Estevo de Ribas de Sil ao comité do Estado español. Ana Goy: “Probablemente é un dos paisaxes a declarar máis complexos, precisamente pola gran diversidade de bens que ten e de manifestacións culturais tanto materiais como inmateriais”

Tamén hoxe Faia Díaz preséntanos «Ao cabo leirín» , o su primeiro disco en solitario que presentará esta tarde no Cinema NUMAX de Compostela que está a organizar unhas sesións de cinema para escoitar e que se desenvolveran ao longo desta fin de semana.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Celebramos o Día Mundial do Circo coa posta en marcha dunha gala no Auditorio de Galicia. Falamos con Pablo Reboleiro, condutor do evento, e Belém Brandido, de PistaCatro. No tempo de literatura infantil e xuvenil, falamos de novas publicacións con Montse Pena.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 17:30

Programa especial do ‘Diario Cultural’ dende o festival internacional de cinema Play Doc que se está a celebrar estos días en  Tui.  Acompáñannos a directora do festival, Sara García; a nosa colaboradora Beli Martínez que é directora do programa Panorama Galicia do festival; Camila José Donoso, a directora da película ‘Nona, si me mojan yo los quemo”que compite na sección oficial; e Iria Sanjurjo, directora de “Empapelaos-Valverde de la Vera” filme da sección Panorama Galicia.

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 14:45

Nesta edición o Diario Cultural falamos coa galega Ana Vallés, de Matarile Teatro, que ven de converterse na única galega que está nomeada aos XXII Premios Max de Artes Escénicas. Logrouno na categoría de mellor dirección de escena polo seu traballo en “Circo de pulgas”. Tamén falamos con Paula Carballeira, autora do libro “Hai quen escolle os camiños máis longos” de Edicións Positivas. E, por último, ímos ata a tenda de Nikis Galicia de Santiago de Compostela porque alí se presenta a imaxe, canción oficial e o filme de apertura da edición de 2019 do Festival de Cans.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Comeza o Carballo Interplay e falamos cos creadores de contidos dixitais que temos en Galicia. No espazo de cine con Moncho Lemos falamos das estreas da fin de semana.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario Cultural falamos con Marcos de la Fuente, un dos coordinadores do Festival Kerouac de Vigo que por cuarto ano consecutivo se celebra en Nova York. Un festival internacional de poesía que terá lugar na cidade americana dende hoxe e ata o vindeiro 6 de abril.

Tamén coñecemos o centro cultural A Ponte Vella en Teo, que este sábado ianugura en Santurce, Bilbao, o seu espectáculo de teatro, danza e música tradicional “Galicia terra de lenda”.

E, por último, falamos de banda deseñada con Carlos Portela. Desta vez con grandes clásicos da banda deseñada traducidos ao galego.

 

Pin It on Pinterest