PodCast

Podcast Diario Cultural das 10:30

A artista Janet Novás protagoniza a performance ‘Feelings’ na Fundación Luis Seoane da Coruña. Janet Novás é un nome de referencia na danza contemporánea e, ademais, está na lista de aspirantes aos Premios Goya co seu traballo como protagonista no filme ‘O Corno’. Na sección de voces expertas, Moncho Lemos comenta as últimas estreas cinematográficas: ‘Honeymoon’ e ‘Perfect Days’.

Podcast Diario Cultural das 19:45

O cineasta xaponés Masahiro Shinoda protagoniza o inicio do ano na filmoteca de Galicia. A sede coruñesa da cinemateca da Xunta ofrece, en colaboración coa Fundación Xapón, unha escolma de sete fitas do cineasta xaponés Masahiro Shinoda. No Diario Cultural entrevistamos a Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia. “É unha oportunidade única, non é fácil acceder a estes filmes”, asegura nas ondas da Radio Galega.

Diario Cultural das 17:30

Entrevista con Manuel Veiga Taboada, o autor da novela ‘Perder as bestas’, publicada por Xerais en 2023. Son 120 páxinas que nos mergullan na violenta peripecia dunha contrapartida, grupos organizados polo réxime para combater as partidas guerrilleiras, facéndose pasar por elas e sementando o terror entre a poboación. “Ao lector de hoxe esta violencia pódelle parecer esaxerada, pero era así e peor”, explica o autor neste Diario Cultural.

Podcast Diario Cultural das 10:30

Os grandes clásicos da historia do cine proxéctanse, en versión orixinal, no Teatro Colón da Coruña, con cineastas e escritores que comentarán os filmes. Os convidados son persoeiros relevantes da cultura como Elvira Lindo, Paco Plaza ou Jaione Camborda, recente Concha de Ouro e directora de ‘O Corno’.Na sección de voces expertas, Luís Miguel Crespo destaca a zarzuela galega ‘Miñatos de Vran’ que volve á escena case un século despois da súa primeira representación. A dirección escénica está a cargo de José Álvarez, con música de José Fernández Vide e co libreto orixinal de Enrique Zas de 1928, reelaborado por Ramón Otero Pedrayo no 1959.

Podcast Diario Cultural das 19:45

Este 2024 Fina Casalderrey é finalista de dous dos premios máis importantes do mundo na literatura infantil Hans Christian Andersen e Astrid Lindgren. Neste Diario Cultural entrevistamos a escritora Fina Casalderrey e a David Cortizo, o presidente de Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Podcast Diario Cultural das 17:30

O musicólogo Javier María López preséntanos ‘Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada’. Este libro-cd percorre a fascinante historia dun instrumento musical espallado por todo o mundo e que recibiu máis de mil denominacións. Birimbao, arpa da boca ou guimbarda. Na Fonsagrada, a comarca galega na que máis se preservou a súa memoria, chámanlle trompa. Alí naceu o principal protagonista desta obra, Herminio Villaverde, un labrador finado en 1991, virtuoso da trompa e figura clave para transmitir este legado musical ata nós. Na sección de voces expertas, Mónica Maneiro reomenda a exposición ‘Nocturnos’, de Nicolás Combarro.

Podcast Diario Cultural das 10:30

A exposición ‘Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio’ amosa a relación e o impacto entre as obras dos pintores Manuel Colmeiro e Eugenio Granell. Ambos con traxectorias vitais marcadas polo exilio, o avance do fascismo e a persecución da cultura. Na sección de voces expertas, Dolores Vilavedra recomenda ‘Delicioso suicidio en grupo’, de Arto Paasilinna.

Podcast Diario Cultural das 19:45

O escultor Acisclo Manzano expón ‘Os Eremitas’ no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o 14 de xaneiro. A exposición recupera unha lenda antiga que é tamén o resultado dunha historia persoal vinculada coa Ribeira Sacra. “Débolle toda a miña vida á escultura”, sinala Acisclo Manzano nunha entrevista no Diario Cultural.

Podcast Diario Cultural das 17:30

‘Os Andares’ é unha serie de viaxes sonoras para acompañar camiñadas pola comarca dos Ancares. Unha proposta de docuficción baseada na investigación sobre o patrimonio da comarca, na evocación sonora e na escrita de María Lado, Clara Gayo ou Avelina Pérez, entre outros autores. Na sección de voces expertas, viaxamos con Mario César Vila á Torre de Doiras e ao Museo Arqueolóxico de Ourense.

Podcast Diario Cultural das 10:30

Factoría de Subsistencia publica o seu novo disco ‘Respirando sempre’. O disco está formado por nove cancións, músicas atemporais que van máis alá das modas e que relatan a vida cotiá das persoas. A presentación oficial do disco será na Casa das Crechas de Compostela. Na sección de voces expertas, Emilio Españadero destaca os últimos traballos da Quenlla, Leilía e Tanxugueiras.

Pin It on Pinterest