Diario Cultural

Zënzar celebran cun concerto os seus ’35 anos bourando’

O grupo Zënzar (que daquela se chamaba Mördor) deu o seu primeiro concerto o 23 de decembro de 1988. Este 23 de decembro, 35 anos despois, celebran o aniversario cunha actuación na Sala Capitol de Santiago, na que os acompañarán Zeltia Irevire, Xenderal e membros de Dios ke te Crew, Machina, Kastomä ou Ruxe Ruxe. Falamos con Zënzar destes 35 anos, do libro que editarán en 2024 e do seu papel na historia do rock en galego.

Doar a voz, doar galego

O Proxecto Nós busca que o galego sexa unha realidade no mundo dixital e na economia da intelixencia artificial. Elisa Fernández é a directora do Instituto da Lingua Galega.

Arredor de Luísa Villalta

Chegan ás librarías os primeiros títulos arredor da autora das Letras de 2024. Preséntase Luísa Villalta, alma de violino, un álbum ilustrado sobre a escritora a través das palabras que a definen. Conversamos con Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez.

Diario Cultural das 19:45

Diario Cultural das 19:45 horas

‘Sete’, Susana Seivane reivindica a súa liberdade creativa

En ‘Sete’, o seu sétimo traballo, Susana Seivane adéntrase coa gaita nos territorios do rock, do jazz, o funk ou mesmo os sons electrónicos. A gaiteira explora en formato disco os sons que leva aos escenarios coa súa banda desde hai anos. O álbum comeza coa peza ‘Non é non’, un alegato contra a violencia de xénero con palabras de Rosalía de Castro que reclama a liberdade persoal e creativa para as mulleres. ‘Sete’ preséntase en directo o 22 de decembro no Teatro Colón da Coruña.

Vixésimo aniversario da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional cumpre 20 anos! Falamos con Zeltia Labraña González, unha das integrantes da asociación.

Pin It on Pinterest