Diario Cultural

A xira de despedida de ‘Elisa e Marcela’

Despois de 6 anos de xira e 270 representacións a compañía teatral A Panadaría dille adeus a esta montaxe que conseguiu 4 premios María Casares, entre outros recoñecementos. Unha comedia musical inspirada por Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas, as dúas mulleres que conseguiron casar na Coruña no ano 1901, que xa viron cerca de 50.000 espectadores en toda a Península. A despedida comeza o 13 de xuño en Bembrive e rematará na Coruña o 1 de xullo, co epílogo dunha función especial na MIT de Ribadavia e vén acompañada dun libro que inclúe o texto da montaxe, as partituras das cancións e diferentes achegas sobre esta obra que xa forma parte da historia do teatro galego. 

 

As chaves do éxito para Luz Casal: “Esforzo e inconformismo”

Luz Casal foi elixida como ‘comendadora’ das Artes e Letras en Francia, a máxima distinción artística do país. A cantante subliña a importancia que ten para ela o esforzo persoal e as ganas por mellorar cada día para conseguir os seus obxectivos: “Todo recoñecemento é unha proba de que existes para o mundo”.

A poesía con fouciño de Samuel Merino

‘Con esta hoz’ inclúe poemas en galego e castelán, camiños vitais que Samuel Merino abre na maleza coa axuda do fouciño. Literatura e filosofía danse a man na obra, publicada por Disbauxa, unha nova editora catalá centrada no plurilingüismo, a oralidade e a diversidade. Merino presenta o poemario o 8 de xuño en Ourense e o 9 de xuño en Pontevedra. ‘Con esta hoz’ incorpora un audiolibro, ‘Con esta fouce’, para escoitar os poemas recitados polo seu autor. 

Pin It on Pinterest