Diario Cultural

Viva o verán!: A música do verán de 1998

Matías Tarrío recórdanos hoxe a música do verán de 1998. Escoitamos a Los Planetas, Elvis Crespo, Lauryn Hill, Jennifer Paige, Undrop e Fame Neghra. Entre as cancións galegas deste verán de 2023 escoitamos hoxe ‘Xente da noite’, de Terbutalina. 

Cómics para ler na praia

Pío Barreiro proponnos hoxe dous cómics ambientados en praias. ‘Castillo de arena’ é o título da edición en castelán da novela gráfica de Frederik Peeters e Pierre Oscar Lévy ambientada nunha praia asturiana. Un cómic de ton existencial que encerra un enigma. Máis lixeiro e luminoso é ‘¡Vivan las vacas!’, no que David Prudhomme e Pascal Rabaté fan un retrato irónico do século XXI a partir do noso comportamento na praia. 

Río Lagares, un espazo para espertar a cultura desde Vigo

O músico e artista Cé Tomé e o escritor Xavier Queipo impulsan o espazo cultural Río Lagares, na viguesa rúa Falperra. Alí poden atoparse libros e vinilos seleccionados coidadosamente, pero sobre todo encontros e actividades culturais, como as ‘esmorgas’ literarias e musicais. 

Xackal e os últimos festivais de agosto

Carlos Crespo avánzanos algúns discos do outono, como o que publicará o arousán Xackal, de quen escoitamos unha canción inédita. Repasamos algúns dos festivais musicais da última fin de semana de agosto, como o Festival de la Luz, o Río Verbena Fest, a Revolta do Umia ou o Terra Brava.

O Festival dos Eidos invoca a palabra poética no Courel

A oitava edición do Festival dos Eidos reúne no Courel, en torno á casa-museo de Uxío Novoneyra, poetas como Chus Pato, Ana Romaní e Antón Reixa, proxectos musicais como Ataque Escampe, Radio Océano ou Xackal e actividades como o avistamento de aves, lecturas danzadas e unha paisaxe sonora polos poemas d´Os Eidos. 

Pin It on Pinterest