Diario Cultural

Preséntase a biografía de Suso Vaamonde

Suso Vaamonde falecía en febreiro do ano 2000. 19 anos despois, o seu amigo, escritor, xornalista e tamén músico Miguel Boo publica a biografía do compositor vigués baixo o título Suso Vaamonde: voz de trebón.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Miguel Boo preséntanos Suso Vaamonde: voz de trebón, a biografía do compositor vigués Suso Vaamonde falecido hai 19 anos. Un músico que dedicou parte da súa traxectoria a pór melodía ás letras dos poemas dos grandes autores galegos. Ademais, falamos con Carlos Portela sobre banda deseñada e, en concreto, do cómic gañador do Man Book Price.

20 anos de Susana Seivane

Susana Seivane fai 20 anos na música con novo disco baixo o brazo, FA, e celébrao cunha serie de concertos entre os que destacan o do próximo xoves 21 de febreiro, día en que xustamente fai dúas décadas do seu primeiro traballo homónimo.

A intérprete botará a vista atrás para repasar todo o seu percorrido nun concerto moi especial no Garufa Club da Coruña, ás 9 da noite

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta nova edición de Diario cultural comezamos coa conversa que tivemos con Susana Seivane durante os ensaios do primeiro concerto de presentación do seu novo proxecto discográfico, FA, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Fixemos con ela un repaso polos 20 anos que leva adicada a música, dúas décadas que fai xustamente este xoves día 21 de febreiro e que festexará sobre o escenario do Garufa Club da Coruña.

Ademais, escoitamos un novo capítulo da conversa co ilustrador Pepe Barro, e a nosa colaboradora Alba Cid explícanos todos os detalles de O puño e a letra, de Yolanda Castaño.

‘O jazz dos proscritos’ como homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Catro anos de traballo fixeron falta para que O jazz dos proscritos saíse á luz. Unha curtametraxe de Manuel Gil que rende homeaxe ao dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño e faino baseándose en nada máis e nada menos que en Saxo Tenor, a obra coa que Vidal Bolaño obtén o premio Álvaro Cunqueiro.

Uns pintorescos veciños dun barrio marxinal reúnense nunha praza para ver Un tranvía chamado Desexo. A uns poucos metros, o sangue dun asasinato aínda está fresco. Un argumento que, sen dúbida, nos recorda ao cine negro que inspiraba a Bolaño e que nos explica mellor o director desta curta, Manuel Gil.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural lembramos a figura de Roberto Vidal Bolaño grazas á curtametraxe O jazz dos proscritos, un traballo de Manuel Vidal en que adapta a obra Saxo Tenor de Vidal Bolaño. Polo momento, só está dispoñible o tráiler desta curta que se preve que se estree a finais deste mes.

Tamén continuamos escoitando a conevrsa que tivemos co ilustrador galego Pepe Barro dentro das nosas laretadas e, coma todos os luns, Rosario Sarmiento achéganos ao mundo da arte. Esta vez a través do pintor e escultor falecido hai sete anos, Leopoldo Nóvoa.

Derradeiro festival A Candeloria en Lugo

Falamos con Manu Fernández, organizador do festival A Candeloria, que se celebra mañá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Trátase da sexta e derradeira edición do festival, que mañá se despide tras 7 anos de traballo.

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Neste Diario cultural falamos con Manu Fernández, organizador do festival A Candeloria, que se celebra mañá en Lugo e que tras seis edicións dirá o adeus definitivo por falta de axudas.

Tamén nos intorudimos na música tradicional galega da man do novo disco de Susana Seivane e escoitamos un novo capítulo da nosa laretada co ilustrador Pepe Barro.

Ademais, coma cada venres, Beli Martínez fálanos de cinema.

Marcos Teira presenta ‘Nós’

Nós é o novo traballo discográfico de Marcos Teira, un álbum en que segue unha liña flamenca mesturada co jazz. Trátase dun traballo colectivo, xa que Teira está acompañado por Alfonso Calvo no contrabiaxo, Isaías Salazar bailando, Moisés Fernández no caixón e na percusón e Alejandro Vargas no piano.

Este Nós preséntase mañá no Teatro Principal de Compostela.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

No Diario cultural de hoxe escoitamos a conversa que tivemos con Marcos Teira, que mañá presenta o seu novo disco Nós. Ademais, escoitamos algún dos temas do novo traballo de Factoría de Subsistencia e, coma cada xoves, Tito Lesende daranos as últimas novas do panorama musical.

Pin It on Pinterest