Diario Cultural

O Cuarteto Quiroga ofrece, no marco do Festival mariñense Bal y Gay, dous pases do seu concerto

O Festival de música clásica Bal y Gay, celebrado na Mariña lucense, recibe mañá, xoves 20, na igrexa de San Martiño de Foz, ó Cuarteto Quiroga.

Descrito como “esquisito” polo New York Times, o Cuarteto Quiroga está considerado como unha das agrupacións máis destacadas da nova xeración europea, e é internacionalmente recoñecido por crítica e público polas súas interpretacións audaces e renovadoras. 

No diario cultural falamos con Cibrán Sierra, un prestixioso músico ourensán, violinista deste Cuarteto Quiroga e Catedrático de Música de Cámara no prestixioso claustro da Universidade Mozarteum de Salzburgo.

 

 

 

Carlos López publica ‘O dragón que non botaba lume’

Publicado pola Editorial Galaxia, O dragón que non botaba lume narra a historia dun dragón que só facía cousas malas incendiando vilas enteiras, grandes bosques e as palleiras dos labregos. Así que o lume, canso, decide abandonar ao dragón ata que cambia e comprométese a non facer máis o mal. Un conto infantil da autoría de Carlos López e ilustrado por Óscar Villán. 

Xavier Portas presenta o seu primeiro traballo discográfico: ‘Gesto Puro’

‘Gesto Puro’ é o primeiro álbum de Xavier Portas, e é completamente autoproducido. Un disco que é froito dun traballo desenvolvido nos dous últimos anos. Ao longo deste tempo experimentou con sonoridades próximas á música clásica, ao denominado new classical ou tamén á banda sonora. Atopamos así nestes 51 minutos de música que contén o álbum, un uso amplo de diferentes timbres, con algúns elementos de música electrónica. 

Diario Cultural das 10:30

Xavier Portas presenta o seu álbum debut Gesto Puro. O dragón que non botaba lume, é o último conto infantil da autoría de Carlos López e ilustrado por Óscar Villán publicado pola editorial Galaxia. 

Roberto Pascual fálanos de DramaturGA 20, o libro que acaba de publicar a Asociación de Dramaturxia Galega con 11 textos breves dalgúns dos seus socios. 

Os galegos “The Manueles” debutan co seu primeiro álbum homónimo cheo de surf rock e con ritmos lo-fi

The Manueles é un grupo de surf rock, formado polo guitarrista  Virxilio da Silva, o baixista Juansi Santomé e o batería Chus Pazos, que repasa o legado que deixou a inspiración do fundador do estilo, na costa Californiana do últimos cincuenta anos: Manuel Freitas, emigrante de Beluso en California, que creou o grupo xerme do estilo, The Black Rinchas, sen chegar a gravar nunca un disco.

A pesar do seu nulo legado discográfico, a súa lenda inspirou a grupos posteriores como The Shadows, The Ventures, Dick Dale e mesmo ao pioneiro da guitarra eléctrica, Link Wray.

O repertorio de The Manueles baséase nese legado de segunda man, para investigar a dimensión sonora que  Freitas creou, indirectamente, con The Black  Rinchas. Conforme esa tradición, tamén revisan algún standard de jazz, rebozado no que poderiamos chamar un Black Rincha flavouring.

Agora, The Manueles fan o seu debut cun álbum homónimo no que recollen temas como ‘Surf Sumerio’ ou ‘Pearl Ghalpon’.

O Ciclo Música Medieval en Camiño: Portus Apostoli, esténdese en Noia até a fin de semana.

Esperanza Mara é a soprano que está levando a cabo coa súa voz estes concertos que trasladan ó meievo a todos aqueles espectadores que asisten ó seu talento nos privilexiados espazos escollidos na vila de Noia: a rúa do Curro e as igrexas de Santa María a Nova e de San Martiño.

Con aforo reducido dadas as condicións impostas pola pandemia, pero con moitas ganas de pór en valor a música medieval, o programa de concertos de Esperanza Mara estenderase até a fin de semana.

DesOrdes Creativas enche de arte as rúas de Ordes ata o 20 de agosto

DesOrdes Creativas é un festival internacional de arte na rúa que se celebra cada ano en Ordes, na Coruña, e que reúne en cada edición a unha  selección de artistas do mellor do panorama galego, estatal e internacional. 
O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana, pensamento crítico e diálogo social, que convirte vellos espazos en desuso ou abandoados en novos lugares cheos de vida e cor pra o desfrute colectivo,  e onde se xeran novas relacións de comunicación non publicitaria.  Un grande museo público e gratuíto a ceo aberto.  
A edición deste ano conta con artistas como Mou, a catalá Cinta Vidal ou o colectivo artístico Reskate Arts&Crafts.

Melgo Cinema produce ‘Ti primeiro’, unha novela visual sobre o amor

A finais deste mes de agosto vaise rodar en A Coruña a novela visual “Ti primeiro”, escrita e dirixida por Roberto Alvite, protagonizada por el mesmo e Iris Darriba, e producida por Melgo Cinema. Nela explórase a evolución dunha parella nova ao longo de varios anos, coa particularidade de facelo a través de fotografías e non vídeo. Un novedoso formato sen precedentes en Galicia que conecta co mundo do videoxogo e os newsgames ao permitir escoller como continúa a historia.Tres episodios sobre o amor que estarán dispoñibles en múltiples linguas para dispositivos móbiles no 2021.  

Diario Cultural das 10:30

SOKRAM, un dos fundadores e codirector do festival de arte na rúa DesOrdes Creativas fálanos da edición deste ano que remata este xoves día 20. Roberto Alvite, produtor executivo, guionista, director e actor de Ti primeiro, preséntanos este proxecto de novela visual.  Un novedoso formato sen precedentes en Galicia queconecta co mundo do videoxogo ao permitir escoller como continúa a historia

O noso colaborador Luis Miguel Crespo achéganos o repertorio do Festival Groba de Ponteareas. 

O Festival Noroeste d’A Coruña materializa esta 34ª edición na mostra fotográfica “Historia gráfica do Noroeste”

Historia gráfica do Noroeste” é un proxecto expositivo que recrea imaxes do xa consolidado Noroeste Estrella Galicia en nove estruturas independentes repartidas pola cidade d’A Coruña.

Na mostra preséntanse máis de medio cento de fotografías correspondentes a 22 ediciones do Festival Noroeste Estrella Galicia. A Praia de Riazor, a Praza de Lugo, a Avenida da Marina, o Campo da Leña ou a fonte dos surfistas, son, entre outros, os espazos que acollerán esas imaxes a gran tamaño que rememoran instantes inesquecibles dun festival que forma parte da historia viva da cidade.

Preténdese, por unha banda, poñer ao alcance do público o ámbito de traballo de Nonito Pereira, este crítico que bautizou o certame e quen lle deu o espírito que aínda hoxe mantén, e por outro, recuperar emocións. Con el falamos de como o Festival Noroeste Estrella Galicia se reformulou nesta 34 edición como unha volta ás súas raíces máis vencelladas á música local e galega, malia teren pasado pola cita tamén grandes nomes internacionais. Ambos conviven nesta exposición na que terán sitio desde a mítica banda coruñesa Cacahüé ata Patti Smith.

 

Pin It on Pinterest