Destacados

A arte “Expresiomixta” de Raúl Velloso

A Sala Rosalía da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo inaugura o ano expositivo esta corta feira coa mostra pictórica “Expresiomixta” do artista Raúl Velloso. A mostra reúne unha trintena de obras coas que o artistaquere reivindicar o papel da muller galega, alén da muller no mundo, e ao mesmo tempo involucrarse máis “na loita que os homes debemos levar a cabo ao seu carón, para mentalizar á sociedade de que un mundo en igualdade será un mundo máis xusto para todas e todos”.

Unha visita ó mundo artístico de Diego de Giráldez

O museo Ramón María Aller de Lalín ten aberta e ata o mes de marzo unha exposición co título “Diego de Giráldez 1990-2021”, onde mostra ao público unha escolma do pintor. Recoñecido e distinguido, a obra de Diego de Giráldez está presente en museos de Europa, América, Asia e África, así como tamén en coleccións de relevancia mundial. Cunha pintura que nunca pasa desapercibida, salpicada de moitos e, en ocasións, mínimos detalles e esencias que o ollo humano se ve obrigado a descifrar e comprender. A súa mirada detense na relación do home coa natureza e o contorno. Os obxectos, animais ou persoas logran un carácter simbólico e, en ocasións, surreal grazas aos seus xogos de escalas dentro do naturalismo, a abstracción e o surrealismo. Nós falamos con el.

Stravinski e a súa ‘Poética musical’ en galego

‘A consagración da primavera’ é a obra que o compositor ruso Igor Stravinsky escribiu en 1913. Logo da súa estrea, moitos consideraron o ruso un revolucionario. Un termo ao que el contestaría: “Declárome en contra desta opinión. Se é suficiente romper cun costume para merecer o cualificativo de revolucionario, todo músico que ten algo que dicir e que sae da convención establecida, debería ser cualificado de revolucionario”.

Isto e moito máis, podemos ler en ‘Poética musical’, un libro que nace das conferencias pronunciadas por Stravinsky en Harvard no curso de 1939-1940. No 2021 celebrando os 50 anos da súa morte, podemos lelas por primeira vez en galego, na tradución de Javier Ares Yebra para Alvarellos.

 

 

O galego no franquismo: da resistencia á normalización

‘O idioma galego baixo o franquismo’, o novo traballo de Henrique Monteagudo na editorial Galaxia.

Monteagudo estuda os anos escuros que viviu a nosa lingua durante o franquismo, sen esquecer a intensa perda de falantes, pero centrándose en dous horizontes: o da resistencia e o da normalización. Ao tempo, asistimos á valentía dos primeiros discursos públicos en galego, as primeiras publicacións liteararias, as primeiras normas gramaticais.

 

 

‘A caída de Guiomar’, fantasía épica galega

Seguindo o ronsel de autores como Tolkien ou Emily Rodda, a escritora Alba Rozas proponlle ao público infanto-xuvenil unha primeira novela de fantasía épica, que ademais está enraizada na mitoloxía galega. As diferentes razas do reino de Eabaca únense contra as ameazas do cabalo da fiaña e mais a Orcavella, dous seres monstruosos. A pandeireteira Aima e a guerreira Tegra percorren as catro parroquias do reino para activar a resistencia.

O nome da rosa, en galego

Aira Editorial publica en galego a popularísima novela de Umberto Eco, nunha edición en tapa dura que inclúe apuntamentos e ilustracións do propio autor. Conversamos coa tradutora Maite Jiménez Pérez sobre esta novela na que o franciscano Guillerme de Baskerville e o novizo Adso de Melk visitan unha abadía beneditina do século XIV na que se produce unha vaga de mortes violentas.

As cancións de Xela Arias

Pechamos o Ano das Letras de Xela Arias lendo e escoitando ‘Cancións’, un libro-cd que reúne as letras que a poeta escribiupara o grupo de rock Desertores e doce desas cancións, regravadas polo grupo neste 2021. Conversamos sobre a Xela Arias letristade rock coa xornalista Teresa Cuíñas, que se encargou da edición das cancións e con Valerio Araújo, vocalista de Desertores. ‘Cancións’ está publicado por Edicións Xerais.

A figura do arquitecto Michel Pacewicz

A delegación de Vigo do Colexio de arquitectos e o concello de Vigo difunden a figura do arquitecto Michel Pacewicz, chave na paisaxe urbana da cidade olívica. Falamos con Nacho Hortas, comisario da exposición.

Sons para un regreso

A historia da Deputación da Coruña coas axudas a artistas para a súa formación non é algo recente nin moito menos, vén de ben atrás. O primeiro músico foi o violinista Andrés Gaos Berea en 1885. Daquela o destino era o Conservatorio Nacional de Música e Declamación de Madrid, aínda que na actualidade se extende a centros internacionais. Máis dun século de apoio á arte, e á música en concreto, dándolles oportunidade de formación, pero sobre todo oportunidade de facer carreira da música, a un gran número de artistas da provincia.

Ese é o caso, non no século XIX, senón nos últimos 20 anos, das músicas Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira, Ana Yáñez e Alma Sarasola. Falamos hoxe delas porque son as protagonistas de ‘Sons para un regreso’, unha serie de concertos que se celebrarán no Teatro Colón da Coruña o 6 e 7 de xaneiro. Un regreso que, no caso destas catro artistas, é unha carreira musical de talento, non sempre visible na súa terra.

 

 

Publícase a 2ª edición ampliada do nº1 de Matanza Canibal Zine

Hoxe preséntase a 2ª Edición ampliada do nº1 de Matanza Canibal Zine en formato libro monográfico de Antonio Blanco. Con motivo e celebración disto, no Diario Cultural falamos co seu editor, Tonecho Otero, e co actor Manuel Manquiña.

Pin It on Pinterest