Destacados

Presente e futuro das salas de concertos

Revisamos o estado de saúde das salas que ofrecen música en directo despois de case dous anos de pandemia. Escoitamos a Antonio Borrazas da Sala Capitol de Compostela, Nani Casal do Gatos de Melide, Sabela Regueira da Sala Guión en Pontedeume, Tino Freijo da Jagger en Lugo, Noemí Vázquez da Arca da Noe en Vilar de Santos, Pepe Doré do Garufa na Coruña e Ana Belén Magdalena da sala Kominsky en Vigo. 

Mirar de novo: “No discurso da historia da arte a muller case non existe”

Inaugúrase na Sede Afundación da Coruña a mostra ‘Mirar de Novo. A muller contra o tempo’, unha exposición comisariada por Diego Gascón e David Barro que reúne 32 pezas realizadas por 30 artistas mulleres, entre a obra pertencente á colección ABANCA e Afundación e algunha cesión de museos coma o Thyssen ou o de Belas Artes de Asturias.

No título, nese ‘Mirar de novo’, temos unha resposta natural ao esquecemento que durante séculos sufriron as mulleres artistas na historia da arte e na historia en xeral. Unha historia que nos chegou contada a medias, a través da perspectiva masculina, pero que debemos recuperar mirando de novo. Elas tamén foron cronistas da súa época, elas contaron a historia, elas abriron camiños artísticos do mesmo xeito que os homes. Comezando no século XX, ‘Mirar de novo’ ofrécenos obras de artistas galegas como Maruja Mallo ou Elena Colmeiro, entre outras de renome e trascendencia nacional e internacional.

 

 

Arrythmia publica novo disco

Os lucenses Arrythmia vén de publicar esta fin de semana pasada o seu novo traballo discográfico baixo o título de 1. O trío volve así á vida trala pandemia con moita forza, mensaxes contundentes e con toda a ansia de visibilizar os problemas actuais da sociedade dende os propiamente sociais ata os mentais. Calidade e etiquetaxe difícil, aínda que polo rego do metal, o novo disco dos Arrythmia xa está dispoñible en tódalas plataformas. Falamos con guitarrista e vocalista da banda, Alberto Busto.

‘Nó’, a nova peza da compañía de danza urbana Elahood

A compañía Elahood estrea este venres en Oleiros ‘Nó’, unha peza de danza urbana para teatros que presentan coa frase “Teño algo importante que dicir pero aínda non sei o que é”. Conversamos coas dúas integrantes da compañía, as bailarinas e coreógrafas Sabela Domínguez e Julia Laport.

A migración das mulleres, a escena

Roberto Pascual, especialista de artes escénicas do Diario Cultural, estréase como autor teatral con Sophie non é o meu nome de guerra, texto gañador do premio Rafael Dieste en 2021. Conversamos con Roberto Pascual sobre esta peza, que retrata unha migrante vítima das redes de trata, e mais con Ádega Castro, responsable do programa de proteccion internacional da ONG Accem.

‘Creadores de conciencia’: 40 fotógrafos comprometidos

Dicía Robert Capa que “a verdade é a mellor fotografía”. Unha frase e unha verdade que a maioría dos fotoxornalistas levan por bandeira cando percorren o mundo, cámara en man, contando as historias máis bonitas e as máis duras.

É o caso dos 40 fotoxornalistas que protagonizan a exposición ‘Creadores de conciencia’, que se inaugura esta tarde no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, e que se poderá ver ata o 29 de maio na sala Isaac Díaz Pardo.

O comisario da mostra, o tamén fotógrafo e editor Chema Conesa, fíxose unha pregunta no momento de montar esta exposición: pode unha fotografía crear conciencia? Estendémoslle esa mesma pregunta a Conesa e aos fotógrafos Gervasio Sánchez e José Cendón.

 

 

Poesía para a rapazada

Gálix organiza as xornadas ‘Poesía cargada de futuro para futuras xeracións’, nas que se reúnen poetas que escriben para nenos e nenas. Escoitamos dous deses poetas, Antonio García Teijeiro, que conseguiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil cos versos de Poemar o mar e con Elvira Ribeiro, que en 2020 publicou o poemario ‘Mar de mazá’. É a oitava edición das xornadas ‘Desfacendo a raia’ de Gálix, que culminan o luns 21 de febreiro coas intervencións de Antón Cortizas, Marica Campo, Helena Villar e Pepe Cáccamo. As xornadas desenvólvense no Consello da Cultura Galega e poden seguirse en directo na canle de youtube de Gálix.

Algo, nada, sempre: a mirada de Vari Caramés

Vari Caramés naceu en Ferrol en 1953, e comezou a tomar fotografías desde ben novo, totalmente autodidacta. A tomar fotos ou a debuxar a súa realidade cotiá co propósito de atopar nela lirismo e misterio. Sempre cunha mirada propia, evitando tendencias e modas e partindo do diario e familiar. Converteuse así nun referente da fotografía en España nos anos 80. Primeiro en branco e negro, logo incorporando a cor, pero nunca abandonando unha plasticidade e texturas que o achegaban máis á pintura que á fotografía, nesa busca de que as súas imaxes vivisen no presente eternamente.

O de Vari Caramés son 40 anos de vida dedicada á fotografía, que agora tratan de resumir na Sala Canal de Isabel II de Madrid coa expo ‘Algo, nada, sempre’. Tres palabras coas que as comisarias Blanca Berlín e Nerea Ubieto definen o traballo de Caramés. A mostra, a máis grande do fotógrafo, poderase ver ata o 24 de abril.

 

 

Os videoclips dos premios Mestre Mateo

Coñecemos os videoclips finalistas dos premios Mestre Mateo e conversamos cos seus creadores. María Costas, do grupo Antilia, dirixiuse a si mesma para o clip da canción ‘Voucho contar así’; Luis Santaolalla encargouse do clip do tema ‘El volcán’ de Pablo Lesuit, Diego Santaclara, da produtora marinense Trece Amarillo, codirixiu o ‘Figa’ de Tanxugueiras, e Toño Chouza é o responsable da peza audiovisual de ‘Fukushima’ para Triángulo de amor bizarro. 

Pilocha revisita o seu primeiro disco

Pilocha publicou o seu primeiro disco en 1978, un álbum no que soaban cancións populares e poemas de Celso Emilio ou Novoneyra con instrumentación audaz e variada. Este sábado interpretará todo o disco, nunha versión actualizada, nun concerto no Teatro Colón co que se abre o ciclo ‘Pioneirxs das nosas músicas’ impulsado pola Deputación da Coruña. Conversamos con Pilocha sobre aquel álbum mentres escoitamos pezas como ‘Alecrín’, ‘O sancristán de Coimbra’ ou ‘Nenos orfos’.

Pin It on Pinterest