Destacados

‘Malencolía’ chega ós cines de 17 localidades

Chega ás salas de cine galegas ‘Malencolía’, a última película dirixida por Alfonso Zarauza e participada pola Televisión de Galicia.
Un filme protagonizado por Melania Cruz e Xulio Abonjo que mestura terror, comedia e a tradición oral galega.
Dous dos intérpretes do elenco, Iolanda Muíños e Diego Anido, acaban de ser recoñecidos con cadanseu premio Mestre Mateo polos seus papeis.
Malencolía pode verse en cines das sete principais cidades galegas e tamén en Vilagarcía, Narón, A Estrada, Viveiro, Caldas, Cee, Marín, Leiro, A Rúa e Ribadeo.

Antía Yáñez presenta ‘Non penses nun elefante rosa’

‘Non penses nun elefante rosa’ (Xerais) é a nova novela de Antía Yáñez. Liberada de prexuízos e a un ritmo vertixinoso, coñecemos a Aurora, unha protagonista transparente para o lector, pero totalmente opaca para a xente que a rodea. Obsesionada coa limpeza. Lectora de novela erótica. E pouco amiga dos nenos, aínda que logo se ten que enfrontar a un rapaz un tanto particular. Unha millenial por definición, cun trastorno obsesivo compulsivo.

A través deste elefante rosa confrontamos a saúde mental, o amor romántico, a cultura do esforzo, as expectativas e, en definitiva, o que é ser unha muller millenial que non pode deixar de pensar nun elefante rosa.

 

 

Cruzamentos na arte galega no CGAC

Visitamos a exposición ‘Cruzamentos da arte galega na colección do CGAC’ con Sara Donoso, unha das súas comisarias. A mostra percorre as últimas dúas décadas da arte galega a través dalgunhas das obras que forman parte dos fondos do museo. Reparamos nas obras de dous dos artistas participantes, Andrea Costas e Pablo Barreiro.

Alberto Gende “enche un baleiro” en Carballo

10 anos da morte de Alberto Gende. O pintor e deseñador de Carballo marchou demasiado cedo, con 40 anos, pero deixando máis de 25 de creación, inventiva e imaxinación. Chamámoslle pintor e deberiamos dicir artista, porque ata para a música tiña talento: Alberto participou como deseñador e inspirador para grupos da vila como Franc3s, xerme de Chicharrón.

Vituco Neira achegouse ata o Pazo da Cultura de Carballo, onde recordan a Alberto cunha mostra retrospectiva e un libro, ‘Alberto Gende. Encher o baleiro’, deseñados polos seus irmáns, Juan Félix e Xurxo Gende.

Comeza a ‘Primavera das Letras’

A Real Academia Galega comeza unha nova edición do programa educativo Primavera das Letras, dedicado a achegar os autores homenaxeados no Día Letras Galegas ao alumnado de primaria e infantil. Neste ano, o primeiro centro en sumarse á iniciativa é o CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras, o concello natal de Florencio Delgado Gurriarán. Conversarmos con Jaime Díaz Paradelo mestre de música do centro, e con Fina Casalderrey, a académica responsable do proxecto. 

Grampoder regresan co disco ‘PM’

Grampoder é o dúo de ‘rock portátil’ formado por Martin Wu e Roi Fernández, ex compoñentes de The Homens.
Despois de sete anos de silencio discográfico autoeditan ‘PM’, un disco enérxico que fala de facer anos e dos enganos do mundo contemporáneo.

A Academia homenaxea a Bernardino Graña

A Real Academia Galega celebra o Día da Poesía cunha homenaxe ao escritor e académico cangués Bernardino Graña. Un recital de poesía e unha plaquette na que dialogan cos versos do poeta voces como as de Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Nerium, Miro Villar, Elvira Ribeiro ou Lucía Novas. Trazamos unha semblanza do “poeta do mar” coa axuda dos seus amigos Héitor Mera e Alexandre Ripoll e con Marilar Aleixandre, coordinadora da homenaxe desde a sección de Literatura da RAG. 

20 anos dos Mestre Mateo

Estamos na véspera dun dos días máis emocionantes e esperados polo sector audiovisual galego, que é a celebración da gala dos Mestre Mateo. Á emoción de todos os anos súmaselle a celebración do vixésimo aniversario dos premios, e un sector que pouco a pouco comeza a saír da crise sanitaria.

20 anos: o 7 de xuño de 2003 celebrouse no Auditorio de Galicia de Santiago a primeira edición dos Mestre Mateo, que tivo como pelicula gañadora ‘Os luns ao sol’ de Fernando León de Aranoa. Unha gala organizada por unha recén nacida Academia Galega do Audiovisual con Ernesto Chao como presidente e Angel de la Cruz como vicepresidente, entre outros profesionais.

En todo caso, 20 anos hai que celebralos como merecen, por iso convidamos ao presidente da Academia Galega do Audiovisual, a Álvaro Pérez Becerra e ao primeiro vicepresidente que tivo a Academia, o director e guionista Ángel de la Cruz.

 

 

‘Arte sen guión’, impro medieval desde Carballo

A compañía Galeatro estrea esta fin de semana ‘Arte sen guión’ dentro do ciclo ‘Clásicas desfeitas’, no marco das Residencias Artísticas do Gaiás. Unha proposta que une comedia, música en directo e improvisación para imaxinar como puido ser o teatro medieval galego. Conversamos con Alba Bermúdez e Tone Martínez, fundadores de Galeatro e integrantes do elenco de ‘Arte sen guión’ xunto con Cris Iglesias e Miguel Canalejo.

A conexión galego-andaluza de Uxía e Javier Ruibal

A cantora de Mos e o cantor de El Puerto de Santa María unen as súas voces no disco ‘De tu casa a la mía’, coa inspiración de Rosalía de Castro e de Javier Ruibal. Un traballo no que lle dan nova sonoridade a algúns dos Seis poemas galegos de Lorca e a poemas de Rosalía de Castro como ‘Ahí va la loca soñando’ ou ‘Rosa de cen follas’. ‘De tu casa a la mía’ preséntase en directo o sábado 19 de marzo no Auditorio de Galicia de Santiago.

Pin It on Pinterest