Destacados

Clo Plas e a memoria da Fonsagrada

Dende a Fonsagrada crean, compoñen e cantan Xiana Arias e Berio Molina. Xuntos forman o dúo Clo Plas e acaban de publicar o seu primeiro EP, ‘bafi’, de “baixa fidelidade”. Porque así é como soa o disco, minimalista, recollendo o son da terra na mínima expresión, e acompañándoo de poemas recitados e rapeados que nos falan de memorias, paxaros, casas abandonadas e sabor a queixo e galletas. 

No Diario Cultural falamos con Xiana e Berio e escoitamos ‘bafi’.

Octavio Vázquez estrea ‘Ilusións’ coa Real Filharmonía

A Real Filharmonía de Galicia pecha a temporada coa estrea da obra ‘Ilusións‘ do compositor Octavio Vázquez. Paul Daniel dirixirá a orquestra neste dobre concerto titulado ‘Unha viaxe fantástica’, o xoves no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres no Teatro AFundación de Vigo. 

O adeus a Domingo Villar

No día do pasamento do escritor vigués recollemos as mostras de dó na cultura galega e conversamos co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que foi o seu editor na editorial Galaxia, e con Mercedes Corbillón, da libraría Cronopios.

Domingo Villar converteuse nun dos autores máis lidos e traducidos da nosa literatura coas súas tres novelas negras ambientadas na contorna de Vigo e protagonizadas polo inspector Leo Caldas: Ollos de augaA praia dos afogados e O último barco. O seu derradeiro libro, publicado en 2021, foi a colección de relatos Algúns contos completos

Diego Giráldez escribe sobre a luz e a sombra en ‘O meu sangue’

David Ledesma é un intento de escritor de novela negra que traballa nunha empresa de limpeza. Nunha escena con sangue coñece a Belén, médica forense, coa que casa e teñen a Mauro. Pero Belén ten ELA, e morre tempo despois. Entón David coñece a unha segunda muller, María, tamén con sangue polo medio logo dun disparo accidentado.

O lector chega a todos os personaxes a través dunha sorte de carta que David lle escribe a María, e que conforma ‘O meu sangue’, a nova novela do xornalista e escritor Diego Giráldez.

 

 

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán comeza en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, en 1903. Florencio é o máis pequeno de cinco irmáns. Seu pai, Florencio Delgado Prada, era perito agrónomo, e súa nai, Consuelo Gurriarán Díaz, era de familia terratenente dedicada á vitivinicultura.

Pasa un tempo da infancia e a adolescencia por Palencia e Valladolid, onde estuda dereito. Ao seu regreso a Córgomo, comeza a traballar de avogado e a destacar como poeta. Coa chegada da Guerra Civil, a viaxe complícase e pasa por Portugal, Barcelona e Francia, para finalmente partir rumbo a México no barco Ipanema. 

En México D.F. coñece a Celia Teijeiro, coa que casa e ten cinco fillos. Xúntase co reducido grupo de galeguistas no país e botan a andar proxectos culturais de moita importancia como as revistas ‘Saudade’ e ‘Vieiros’. 

Todo isto, sen esquecer nunca a poesía. Florencio publicou catro poemarios: ‘Bebedeira’, ‘Galicia infinda’, ‘Cantarenas’ e ‘O soño do guieiro’, ademais do colectivo ‘Cancioneiro da loita galega’. O seu compromiso político estivo sempre coa causa republicana, democrática e galeguista.

A partir de 1968 volve tres veces a Galicia, ningunha definitiva, e na última viaxe é nomeado académico non numerario da Real Academia Galega. Visitando a unha filla en Fair Oaks, California, morre dun infarto en 1987.

Escoita toda a viaxe de Florencio Delgado Gurriarán neste especial Letras Galegas 2022 escrito e narrado por Belén Regueira. 

Letras Galegas 2022 | As letras de Florencio

Entrevista a Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto ‘As letras de Florencio’

Letras Galegas 2022 | Ricardo Gurriarán

Letras Galegas 2022 | Ricardo Gurriarán

Letras Galegas 2022 | A poesía de Florencio

Como escritor, Florencio Delgado Gurriarán foi fundamentalmente poeta. Os seus versos falan da paisaxe de Valdeorras, pero tamén denuncian o franquismo, preocúpanse pola situación do galego ou celebran a cultura popular mexicano. 

Facemos un percorrido pola obra poética de Florencio Delgado Gurriarán con varias voces expertas e os seus propios poemas.

Letras Galegas 2022 | A vida en México

Continuamos coñecendo o itinerario vital e literario de Florencio Delgado Gurriarán. Trala guerra civil, o poeta valdeorrés tivo que exiliarse en México e abrazou a súa nova vida con vitalismo e moito interese pola cultura do país que o acollía. Ademais do seu labor como activista político e cultural, en México formou unha familia, cambiou a avogacía polo traballo comercial e escribiu un feixe de “poemas crioulos” que están entre o máis interesante da súa obra. 

Letras Galegas 2022 | A obra colectiva do exilio mexicano

É a primeira vez que as Letras Galegas visitan o exilio de México, que impulsou proxectos editoriais como o poemario antifranquista “Cancioneiro da loita galega” e tamén radio e publicacións en galego, como a revista “Vieiros”, que pasou á historia pola súa ambición e calidade con apenas catro números. 

Pin It on Pinterest