Destacados

Xosé Ramón Pena presenta “En tempo de desconto”

Xosé Ramón Pena fainos viaxar no seu novo libro “En tempo de desconto”. Catro relatos ficcionados que nos convidan a soñar e cos que podemos desfrutar da maxia da súa palabra. No Diario Cultural quixemos conversar con él sobre esta obra e sobre a súa forma de contar historias. 

Arde a nosa historia no lugar do Vilar

Os incendios están arrasando co monte galego, perdemos vexetación e diversidade. Morre a fauna autóctona. Arrasa coas casas… Os incendios desta semana en Valdeorras e no Courel levaron por diante vida natural, (maís de 20.000 hectareas entre os dous, de espazos protexidos de alto valor natural, patrimonial e etnográfico) pero tamén recordos, a memoria da veciñanza.

O lume arrasou tamén no Courel co núcleo do Vilar, no concello do Folgoso. Alí arderon 13 das 15 casas. Entre elas, a de Xan, Xan de Vilar: un home que leva no nome o lugar ao que dedicou e dedica toda a súa vida.

Viaxamos co catedrático de historia da USC, Lourenzo Fernandez Prieto, a avaliar os danos do lume nun lugar coma O Vilar. Ata alí se achegaba con regularidade co seu alumnado para coñecer un conxunto excepcional formado polo museo, o castro, a igrexa e os soutos, entre outras xoias patrimoniais.

 

 


 


 

 

“LiberArte” no Vello Cárcere de Lugo

LiberArte é unha exposición composta por máis de 50 obras de dezasete artistas plásticos e visuais galegos. Está impulsada e organizada pola asociación AlterArte e poderá ser visitada ata o vindeiro 17 de setembro no centro sociocultural “O vello Cárcere” en Lugo. 

No Diario Cultural entrevistamos a Áurea Pousa, artista que participa na exposición e presidenta da asociación AlterArte. 

 

 

A constelación de Luz Pozo Garza no seu centenario

De poucas poetas podemos dicir que dedicaron case 100 anos a cultivar a palabra. De Luz Pozo Garza, que morreu con con 97, podemos dicir que dedicou toda a vida a poesía. Tal día coma hoxe de 1922 nacía en Ribadeo a nosa poeta do amor e da sensualidade; pero que foi moito máis que iso, porque soubo renovarse ata o seu último poemario.

No seu centenario, recuperamos a súa memoria e a súa poesía con Olivia Rodríguez, académica, profesora e tamén comisaria da exposición Constelación Luz.

 


 

 

‘Endaterra’ de Xacarandaina, un espectáculo para poñer en valor o camiño inglés

O grupo de baile e música tradicional Xacarandaina estrea o seu espectáculo “Endaterra”. Con esta nova función, a asociación busca poñer en valor o camiño inglés. Concretamente, queren dar a coñecer o tramo que entra polo porto da Coruña e vai ata Compostela e a etapa final que remata en Fisterra-Muxía. 

Conversamos con Quique Peón, director deste espectáculo.

 

 

Ciclo Experimenta: música nos lugares agochados de Lugo

A música de vangarda volve aos recunchos máis insospeitados da cidade de Lugo co III Ciclo Experimenta. 3 concertos (de The Partisan Seed, L-R e Za!) en tres espazos (O museo provincial, os xardíns da deputación e o lugar de Reque). Este verán, a música tamén escapa dos eventos masivos protagonizados polos grandes festivais. E o ciclo Experimenta pretende convidar á veciñanza de Lugo a descubrir espazos do día a día con outros ollos. Ou outras orellas. Cóntanolo Chus Ródriguez, da Asociación TeleClube.

 

 

“A memoria da xente é imprescindible para actuar sobre a paisaxe”

A arquitecta María Fandiño foi galardoada co premio ‘Sostibilidade e Saude. Valores universais’ do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España polo seu proxecto de rehabilitación Explanada do Horizonte no concello do Rosal, que se atopada abandonada.

A área, que une a Serra da Groba coa praia de Portecelo, é agora un lugar de lecer, accesible e aberto para toda a cidadanía. Precisamente, a memoria da veciñanza foi esencial para o proxecto de María, que pensa a paisaxe como parte do noso ADN.

“Arte sen guión” na MIT de Ribadavia

Existíu o teatro medieval en galego? Esta é unha cuestión que investigan na obra “Arte sen guión” da compañía Galeatro. Unha función onde catro comediantes representan unhas pezas atopadas nun estraño códice da Idade Media.

“Arte sen guión” represéntase este martes 19 de xullo na MIT de Ribadavia. Conversamos con Alba Bermúdez, actriz e unha das responsables da compañía.

Xosé A. Neira Cruz presenta “Por mor de cinco pizzas aos catro queixos”

Presentamos  ‘Por mor de cinco pizzas aos catro queixos’, a nova novela de Xosé A. Neira Cruz, gañadora do Premio Carlos Mosteiro 2021. Este é un relato dirixido cara un público infantil. Unha obra ca que os cativos se divertirán. Piero, un ratón, desparece mentres come a última das cinco pizzas que apostara manducar de golpe. ¿Onde estará?

 

Poesía, filosofía e intriga nos premios Xerais

Esta fin de semana soubemos os gañadores dos premios Xerais, dos máis prestixiosos no noso sistema literario, que premian obras e autores de literatura infantil, xuvenil e para adultos.

O premio Merlin de literatura infantil foi para Anxo Iglesias por ‘Unha nova dimensión’. O premio Jules Verne de literatura xuvenil para Rocío Leira por ‘Cicuta para dous’; e María Solar é a gañadora do premio Xerais de novela por ‘A culpa’.

No Diario Cultural falamos con todos eles para que nos fagan un avance das súas obras, que poderemos ler publicadas no mes de novembro.

 

Pin It on Pinterest