Destacados

Lost and Found comeza con Márta Mészáros a súa procura das películas esquecidas

A cineasta húngara Márta Mészáros gañou nos últimos anos do século XX todos os premios de cine que podía gañar: o Oso de Ouro da Berlinale en 1975, o premio da crítica internacional en Cannes, Cuncha de Prata en Donostia e un premio a toda a súa carreira concedido pola Academia do Cine Europeo o ano pasado. Malia todos os éxitos e películas que fixo naquel tempo, hoxe é unha directora esquecida. Como é posible?

Iso se preguntou tamén o xornalista e crítico Víctor Paz, cofundador da revista ‘A cuarta parede’, que agora dirixe a distribuidora Lost and Found. Está especializada en cine clásico restaurado de autores que, como Mészáros, hoxe en día pasan desapercibidos nos circuitos habituais da distribución. 

A través del, poderemos ver na sala Numax de Santiago durante o mes de setembro diversas películas desta directora, comezando mañá polo filme que a levou a ser a primeira muller en gañar o Oso de Ouro, ‘Adopción’.

 

Festivais con denominación de orixe

Coñecemos tres festivais que reivindican o seu lugar de nacemento. Comezamos en Burela co Osa do Mar, que este venres e bado ofrece concertos de Grande Amore, Arde Bogotá, A Pedreira ou La La Love you. Continuamos no Ribeiro co Arteficial que este sábado celebra en Ribadavia unha nova romaría da música e a cultura alternativa. Este sábado comeza tamén Espazos Sonoros, un ciclo de concertos que leva música antiga e clásica a espazos como o Dolmen de Dombate, o mosteiro de Sobrado ou as fragas do Eume. 

Días de rodaxe en San Sadurniño

Séptima edición do Chanfaina Lab de San Sadurniño, que leva no nome a ese prato típico da zona, elaborado a partir de aproveitar todo o que se poida do porco. A súa orixe está nos tempos dos señorios, cando os labregos tiñan que entregar as mellores partes do animal ao seu señor e eles quedaban co resto.

O Chanfaina Lab non vén de tan atrás: son sete anos como laboratorio de cinema coa veciñanza como directoras, protagonistas, productores, cámaras e en todas las labores posibles para rematar estes catro días de encontro con unha película rematada.

Para Manolo Gónzalez, sub-chef encargado desta chanfaina, o máis importante é ver a unión entre profesionais, afeccionados e iniciados no cine.

Logo destes días de gravación, teñen por diante 5 meses para dar coa peza final. Poderemos velas o 14 de febreiro.

 


 

 

Corenta anos de Festiletras

 

O Festiletras celebra catro décadas de actividade cultural na aldea do Couto, en Ponteceso. Este ano a programación inclúe presentación de libros, actividades científicas, narración oral, teatro ou concertos de Baiuca, Xabier Díaz, Rodrigo Cuevas ou Dios ke te crew, entre outros. 

 

Natalia Mosquera, editora todoterreo desde La Cúpula

En 1979 nacía en Barcelona ediciones La Cúpula, unha editorial especializada en comic, vencellada á revista El Víbora, e fundada por Josep Maria Berenguer. Desde o seu nacemento, La Cúpula foi emblema do cómic underground e alternativo que chegaba de América, Europa e tamén sinaturas españolas. Sempre buscando a diferenza, aos autores máis atrevidos, como Peter Bagge, Chester Brown ou Ralf König.

Hoxe, máis de corenta anos despois, segue a ser referencia nesa diferenza, acubillando cada vez máis autoras e abríndose a un novo lectorado. En parte, polo traballo da súa editora, a pontevedresa Natalia Mosquera.

Festiletras e O Son do Pazo

Gustavo Couto debulla o programa do Festiletras, que fai 40 anos na aldea do Couto de Ponteceso, e d´O Son do Pazo, en Mos. 

XII Encontro de Artistas Novos

Conversamos co director e con dous dos creadores que participan na duodécima edición do Encontro de Artistas Novos, un espazo de encontro no que poden dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea. 

‘Passing Place’, o pouso dos lugares de paso

Passing Place é un lugar de paso. E todos os lugares poderían ser de paso, se non fose porque nalgúns decidimos quedar e convertilos en fogares. Adolfo Fernández Piñeiro fixo unha viaxe ás Terras Altas escocesas, tomou fotografías e chamoulle ao resultado ‘Passing Place’. Pero como ademais de fotógrafo é poeta, sabemos que para el non foi só un lugar de paso. Na súa crónica fálanos de familia, dunha terra fría que o acolleu, de compartir tempo cos demais.

Agora comparte o seu tempo en Escocia con todos os que queiran achegarse a el a través deste libro, Passing Place. Fotografías en analóxico para un libro en papel que se pode mercar, e do que atopamos máis información na Plataforma da Regueifa 2.0. Un lugar que coñeciamos como acubillo principalmente de música dixital, pero que agora se abre tamén á fotografía, con este primeiro libro da colección.

 

 

 

 

Os Xogos Florais de Antolín Faraldo

 

Betanzos acolle esta fin de semana a segunda edición dos Xogos Florais, inspirados este ano
pola figura de Antolín Faraldo, de cuxo nacemento farán dous séculos o 2 de setembro. Recordamos unha das figuras esenciais da revolución galega de 1846 en conversa con Xurxo Martínez González, autor de ‘Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento’. 

 

Pin It on Pinterest